O actor Javier Gutiérrez, premio á inclusión social da Fundación Anade de Lugo

"Javier Gutiérrez é unha persoa vinculada ao terceiro sector, por múltiples causas, tamén por motivos familiares", destaca a xornalista Ángeles Fernández Mayra.

O actor Javier Gutiérrez / EFE

A representante da Fundación Anade en Lugo, cuxo obxectivo é a integración social e laboral das persoas con discapacidade ou enfermidade mental, a xornalista Ángeles Fernández Maira, anunciou este mércores na Deputación provincial que un dos premiados na novena gala de galardóns de inclusión social é o actor Javier Gutiérrez, un dos protagonistas de ‘Campeones’.

A gala celebrarase o próximo 25 de abril no restaurante Los Robles, onde haberá unha cea na que participará o premiado que, ademais, apadriñará ao grupo de teatro Pinchacarneiro, que promove esta fundación en Lugo e que conta con 14 actores. O prezo é de 35 euros.

“Javier Gutiérrez é unha persoa vinculada ao terceiro sector, por múltiples causas, tamén por motivos familiares e desde sempre é un militante, primeiro de Galicia e está totalmente implicado co mundo da discapacidade”, destacou Fernández Mayra.

Tamén se premia “á Federación Madrileña de deportistas con discapacidade intelectual, que está a facer un traballo encomiable a favor da inclusión de deportistas”, detallou. Tanto a Deputación de Lugo, que achegará 2.000 euros, como o Concello colaboran con esta iniciativa que parte de Anade Lugo, onde tamén se aproveitou para anunciar que a “madriña” do grupo teatral Pinchacerneiro será a deseñadora de moda Inés López Penelas (INPE).

O portavoz do goberno provincial, Álvaro Santos, subliñou que a Deputación de Lugo “adquiriu un compromiso real coa diversidade, coa inclusión e, por tanto, coa igualdade de todas as persoas”.