InicioMovementos sociaisAsí viviron os trinta e catro lucenses en Mauthausen

Así viviron os trinta e catro lucenses en Mauthausen

O historiador Benito Bermejo afondou nas condicións que afrontaron os lucenses deportados no campo de concentración de Mauthausen

PUBLICADA O

- Advertisement -

A propósito da exposición Boix, o fotógrafo de Mauthausen, da xuntanza de amigos e familiares de Enrique Doval, e outras pequenas homenaxes a trinta e catro lucenses (documentados) que pasaron polos campos de concentración, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica convocou no Vello Cárcere a Benito Bermejo. Este historiador é douto nos deportados españois, autor de obras inconmensurables e guionista de varias producións acerca deste triste episodio histórico.

Natural de Salamanca, Bermejo comezou a investigar o destino dos españois deportados a raíz da relación con exiliados en París, un traballo que continuou con viaxes por toda Europa para recoller as historias de vítimas e familiares. Considerado o maior experto na vida de Francesc Boix, testemuño clave nos xuízos polos crímenes do nazismo, o historiador traslada as condicións polas que atravesaron os lucenses, galegos e españois encerrados en Mauthausen.

A vida e a morte en Mauthausen

Benito Bermejo e Carmen García Rodeja, voceira da ARMH, no Vello Cárcere | Óscar Bernárdez

Mauthausen era un campo principalmente de concentración, mais foi escenario de prácticas de exterminio. Construído trala anexión de Austria en 1938, serviu para a condena de presos políticos, seguindo a doutrina de exterminio a través do traballo. O volume de reclusos aumentou especialmente en 1940, data de entrada da maior parte dos españois. A esperanza vital era de seis meses.

Porén, en 1942 os traballos forzados foron desbotados pola necesidade de man de obra na maquinaria bélica. Isto implicou que a maior parte dos prisioneiros que entraron desa data en adiante sobreviviron ata a liberación dos campos. A progresiva superioridade aérea dos aliados levou á construción de fábricas subterráneas de armamento, cadeas de produción de aviación e das armas secretas coma a bomba volante V-1.

Mauthausen era o núcleo dunha rede de medio cento de subcampos –algúns de concentración, outros de exterminio– separados por ata cen quilómetros. Os campos circundantes podían ser máis grandes que o central, chegando a albergar máis de vinte mil almas. Aínda que Mauthausen é coñecido como o campo dos españois, houbo compatriotas noutros campos. Máis dun cento de mulleres españolas acabaron en Ravensbrück.

Por Mauthausen pasarían arredor de douscentos mil represaliados, dos que a metade pereceron. Para os españois o destino foi aínda máis terrible. Exiliados en Francia trala caída da II República, tomaron armas na contenda e foron capturados no imparable avance alemán en maio de 1940. Cinco mil españois, dous de cada tres, finaron no campo austríaco (a maioría en 1942) polas penurias do traballo forzado e a falta de coidados.

Españois vermellos

A profesora María Paz Fernández, da ARMH | Óscar Bernárdez
A profesora María Paz Fernández, da ARMH | Óscar Bernárdez

A primeira orde de levar os españois a Mauthausen é do 6 de agosto do mesmo ano. Alí eran “unha tipoloxía nova”, procedentes dos stalag –campos de prisioneiros de guerra–. Non eran presos comúns, nin parte da intelectualidade checa ou polaca considerada subversiva pola policía secreta alemá. Eran rotspaniers, españois vermellos.

O trato reservado para os españois foi ben diferente dos franceses, que permaneceron nos stalag. Bermejo lembrou o exemplo dun oficial galo, Pierre Vilar, que nun campo de prisioneiros de guerra comezou a escribir Historia de España con material proporcionado pola cruz vermella internacional. Esta organización altruísta vixiaba as condicións dos stalag e garantía o contacto cos familiares.

Eran condicións idílicas en comparación coas dos campos de concentración. O traslado dos prisioneiros españois comezou trala viaxe a Berlín de Ramón Serrano Súñer, entón ministro da Gobernación. A vinganza da ditadura franquista chegaba en diferido para eles, marcados cun triángulo azul –reservado para apátridas– e a letra S. A partir de 1940 seguirían chegando españois aos poucos, capturados mentres loitaban coa resistencia francesa.

A situación nos campos de concentración mudou a partir de 1941, coincidindo coa invasión da Unión Soviética e o inicio do Holocausto. Os presos soviéticos eran rapidamente eliminados, e comezou a aplicarse a solución final que levaría ao asasinato de seis millóns de xudeus, e outros doce millóns de persoas de diversos colectivos, a maior parte civís soviéticos.

Os españois foron parte indirecta deste horror. Un grupo de catrocentos cincuenta represaliados en pésimas condicións médicas foron trasladados a Linz, onde participaron dos experimentos nas cámaras de gas, primeiro con dióxido de carbono, despois co denominado Zyklon-B. Foron parte dos primeiros procesos de morte industrializada.

A liberación de Mauthausen

Benito Bermejo | Óscar Bernárdez

Dous mil douscentos españois sobreviviron a Mauthausen, entre eles Enrique Doval, veciño do Coeo, e Aurelio Díaz Hortas, de Outeiro. Nos últimos días viviron a chegada das marchas da morte, a evacuación masiva de presos dende os campos do leste ameazados polo exército vermello. Moitos chegaban xa sen vida.

Por fortuna, as tropas de elite das SS alemás abandonaron o campo o 3 de maio de 1945, dous días antes da chegada dos estadounidenses. Trala liberación, tardaron décadas en volver a España, e moitos quedaron nos países de exilio, nomeadamente Francia. Hogano vive media ducia de centenarios, e só unha muller, de quen pasaron polo campo de concentración.

A sagacidade e afouteza de prisioneiros coma Francesc Boix preservou valiosos documentos para a posteridade, sendo o de Mauthausen un dos campos sobre os que existe máis información. A pesar disto, Bermejo atopou unha ducia de casos de familias que descoñecían que un dos seus sufrira estas condicións inhumanas. Algunhas foron conscientes co novo milenio. “E cantos quedarán”.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...