Ecovine ultima o sistema de seguimento de maduración dos viñedos

O sistema do consorcio Ecovine inclúe unha cámara multiespectral capaz de medir a evolución aromática da uva, e o apoio dun sistema informatizado de axuda ás decisións

Viñedo da adega Ponte da Boga, en Castro Caldelas | Ponte da Boga
Viñedo da adega Ponte da Boga, en Castro Caldelas | Ponte da Boga

O consorcio público-privado Ecovine presenta os primeiros resultados logo de dous anos. Como estaba previsto, o proxecto comprendeu o deseño dunha ferramenta para o seguimento da maduración das vides, en conxunto cun sistema de xestión integral que optimiza a produción vitivinícola e facilita a toma de decisións.

No proxecto participaron os equipos de investigación do Campus Terra liderados polos profesores Javier J. Cancela e Xesús Pablo González, en colaboración coas tecnolóxicas Elmantec e Teican Medioambiental, así como as adegas Lar de Riocabo  (Quiroga) e Ponte da Boga (O Couto, Castro Caldelas). O financiamento chega por parte da Axencia Galega de Innovación (Gain) a través dos fondos FEDER.

O obxectivo era acadar unha solución innovadora baseada en novas tecnoloxías para segmentar os viñedos, con alta precisión e resolución espacial. Esta información fai posible o control remoto do terreo, empregando visualización en liña e análises de datos masivos, a fin de optimizar esforzos e facilitar as decisións que antes dependían da experiencia e a intuición.

Capacidades que non existen no mercado

Reunión do consorcio Ecovine | USC
Reunión do consorcio Ecovine | USC

No mercado actual non existe ningún sistema semellante ao de Ecovine, capaz de medir os parámetros que inflúen sobre o desenvolvemento do viñedo, nin de relacionar estes factores cos diferentes tratamentos ensaiados. Por outra banda, permite unha análise certera con independencia do terreo e a vexetación, cuestión de primeira orde na sinuosa orografía galega, nomeadamente nos vales do Sil ou o Navia.

Así, Ecovine aspira a mellorar a posición competitiva dos membros do consorcio, mellorando ao tempo o uso dos recursos hídricos e nutritivos do solo. O sistema de seguimento foi deseñado co menor consumo enerxético e comporta o uso de enerxía solar; consta dunha cámara multiespectral cun rango de medicións superior aos equipos comerciais, un dron asociado que fixo o primeiro voo en xuño de 2017, e un sistema informático de monitorización e interpretación que asesora ás adegas. Como particularidade, a cámara é capaz de medir a evolución na composición aromática, o que pode resultar útil noutros cultivos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here