Os estudos de moléculas do Campus Terra acadan atención internacional

Nature Chemistry interésase polas posibilidades das moléculas na prevención de enfermidades cardiovasculares e neurodexenerativas

A investigación para a modificación de moléculas está coordinada polo catedrático do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, Luis Miguel Botana | USC
A investigación para a modificación de moléculas está coordinada polo catedrático do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, Luis Miguel Botana | USC

Modificar moléculas para que actúen como inmunosupresores ou contra o alzhéimer. Esa é a base das pescudas do grupo Farmatox do Campus Terra, e que atraeu a atención da prestixiosa Nature Chemistry. A revista publicará a comezos de 2019 os avances do equipo que lidera o catedrático Luis Miguel Botana, que inclúe a patente dunha familia de compostos con propiedades farmacolóxicas e terapéuticas que interesan a varias compañías multinacionais.

A petición de patente ten por obxecto a protección do resultado da síntese de varios compostos do grupo das gracilin A, extraídas dunha familia de esponxas mariñas atopadas no Índico. 

A investigación desenvolvida na Facultade de Veterinaria parte de axentes simplificados a base de ditas gracilinas, con potencial para evitar o rexeitamento de órganos nos trasplantes, mitigar inflamacións, e tratar e previr enfermidades cardiovasculares e neurodexenerativas, coma o Alzhéimer.

Unha investigación transfronteiriza 

A achega sobre a actividade biolóxica das moléculas parte dos proxectos Pharmatlantic, un programa Interreg liderado polo grupo de investigación que dirixe Botana, e Pharmasea, outro proxecto europeo liderado por Marcel Jaspars, da Universidade de Aberdeen. Esta liña contou coa colaboración do equipo de Daniel Romo, profesor de Química da Universidade de Baylor (Texas), e codirector de CPIRT Synthesis e do laboratorio Drug-Lead Discovery, quen se ocupou dos estudos de síntese das moléculas. 

Farmatox investiga en humanos a diana sobre a que traballan estas moléculas. Para este labor ten o asesoramento do grupo de Cardioloxía do HULA, que dirixe Carlos Juanatey, ao abeiro dun proxecto do Fondo de Investigación da Seguridade Social a través do seu Instituto de Saúde Carlos III.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here