InicioCulturaXabier Iglesias, de Oxeito: “Hai espazo para outro xeito de bailar, para...

Xabier Iglesias, de Oxeito: “Hai espazo para outro xeito de bailar, para evolucionar”

O mestre lidera os obradoiros de baile tradicional do San Froilán coa didáctica renovada que aplica na nova escola Oxeito

PUBLICADA O

- Advertisement -

Dende mediados de setembro, Lugo conta cunha nova escola de baile tradicional. Oxeito, da man de Xabier Iglesias, pretende ser un lugar no que fusionar o canto, a percusión e o baile baixo a perspectiva do benestar corporal, para todas as idades, e con espazo para outros xéneros, a improvisación e a experimentación. Xabier ten un papel destacado durante o San Froilán; se a pasada semana ensinou a bailar durante a verbena galega de antes, este venres fará o propio (dende as 18.00 horas) cos obradoiros de puntos de baile do Camiño, abertos á participación do público no Cantiño Nemesio Cobreros.

Consideras que hai un déficit de escolas de baile tradicional? Ou esperas crear maior interese?

Eu comecei nos anos oitenta, na escola dunha agrupación folclórica, na única que había en Lugo. Comparando con aquela época, a evolución foi importante: agora hai unha oferta en asociacións culturais, en colexios, que antes non había. É suficiente? Eu penso que non, que nunca é suficiente.

O baile tradicional ten moita presenza en grupos de escenario, duns anos para aquí en seráns e foliadas ten moito peso. A xente está afeita a bailar xotas, muñeiras e agarrados, non no escenario, senón para divertirse e socializar, como se facía antes. De aí xorde outra demanda, a demanda de aprender a bailar para ir ás foliadas e aos seráns. 

E complementar a función que fan as agrupacións.

Certamente. Nunha agrupación aprendes a bailar, para actuar ou bailar na festa. Pero a didáctica é diferente, non é o mesmo dar unha clase coa pretensión de aprender uns bailes para actuar, que aprender a bailar para desfrutar e sacar puntos en seráns e foliadas. Non pode ser igual, aínda que teña cousas en común.

En que momento decides implicarte e ser ti quen abra esta nova escola, Oxeito?

Eu levo toda a vida traballando en asociacións culturais e grupos folclóricos. Creo que hai un espazo para outro xeito de bailar, para dar un paso adiante e evolucionar en canto á didáctica e o baile. E decido que o mellor non é unha asociación cultural, o mellor é crear outro tipo de espazos. Por suposto, son moi partidario de meter baile tradicional dos coles, de feito forma parte do currículo de educación física, aínda que hai colexios nos que non se fai. Non é maioritario.

Además dos grupos folclóricos, precisamos outro tipo de escola. O folclore está vivo e ten que evolucionar. De que maneira vai evolucionar? Non o vou marcar eu. Pero o que está pasando nos seráns e nas foliadas é a evolución natural do folclore. Despois, novas propostas, como por exemplo na posta en escena: Nova Galega Danza, Quique Peón Cía., ou eu mesmo, que fixen propostas con Proxecto Danza ou Moendo Muñeiras. Ás veces é darlle voltas ao mesmo, porque está todo inventado, pero é outro punto de vista.

Evoluciona o folclore, evoluciona o espazo, e evoluciona tamén quen ensina e quen percibe. Hai outra didáctica.

Claro. En canto á didáctica das clases, o que oferta diferente en primeiro lugar é unha flexibilidade horaria. Podes vir a outra clase e tes toda a semana para xogar con ela. Despois, aprender a bailar, non aprender bailes; para desfrutar, logo collendo a técnica, con nocións básicas. E está o tema de que está vivo, apetéceme claqué, ou hip hop, pero o meu idioma é o baile tradicional. Como o podo expresar? Iso é o que estudamos nas clases. Por exemplo, a expresar a tristeza, a reflictir iso con puntos de muñeira.

Jazz, hip hop… hai sesións específicas ou mestúrase todo?

Si que hai clases específicas, só de baile tradicional, só de claqué… tentamos dar bailes con profunda raíz tradicional. O claqué procede de bailes afroamericanos, mesturados cunha danza irlandesa, a danza dos zocos. Tentamos mirar este tipo de bailes, e para as máis específicas, coma o hip hop, pido colaboracións. Hai outra clase, a de tradiliña (baile tradicional en liña), que si que mestura outros ritmos, con pases de baile solto, muñeira e xota, con licenza para experimentar. E hai un grupo de experimentación, en canto e percusión e en baile. Xuntámonos unha vez ao mes para improvisar co aprendido nas clases, seguindo unhas pautas dos profesores. Así os bailadores e músicos improvisan.

Tamén hai unha parte de saúde corporal, con pilates e ioga. Como unides en Oxeito estas vertentes co baile?

Todo está en conexión. Bailo co corpo e se o baile pase sobre min, temos que coñecer o corpo. Estar relaxados é importante, podemos sufrir lesións se bailamos en tensión. Os exercicios hipopresivos son ideais para as costas, para estirar tamén despois da sesión.

E que hai para os máis pequenos?

Para os cativos temos aulas específicas, incluso a partir de cero anos. Branca Villares ten un aula de música en familia, que é troupelear. Veñen os máis peques co pai, coa nai, co avó ou a avoa; e en conxunto fan arrolos, cantos de traballo, xogos bailados… é unha actividade familiar que está moi ben para compartir cos máis pequenos. E despois hai outra actividade para os cativos nada máis, que é cantibaile: música e movemento aplicados ao baile e a música tradicional. A partir de seis anos hai aulas específicas de baile, canto e pandeireta.

Branca fai a percusión e tamén o canto. Como son esas clases?

Traballa técnica vocal aplicada ao canto tradicional. Nas aulas de iniciación aprendes a modular a voz, os primeiros toques de pandeireta, pandeira ou pandeiro, dependendo da aula. As aulas específicas requiren coñecementos previos, para o laboratorio vogal e o de percusión. Traballan con ritmos tradicionais, mais dan un paso máis cara as polifonías, por exemplo. Sempre é bonito probar, aprendes un montón.

Igual que fixestes coa inauguración, é interesante que contedes con xente de fóra en Oxeito.

É unha escola aberta a propostas e xente diferente. Para este trimestre temos programadas algunhas cousas con xente externa, para aulas específicas. Non quero adiantar, porque está sen concretar a data. Puntualmente iremos informando. Hai xente superinteresante que está a facer cousas estupendas, e se pode vir a amosalas sería fantástico. De Lugo, pero como os de Lugo xa están en Lugo,  para aulas soemos traer a xente que non é daquí.

Iremos informando do xa programado, hai canto, baile, presentacións… cando teñamos todo pechado informaremos. Xa están pechados os obradoiros que damos Branca e máis eu sobre didáctica con baile tradicional, aplicado ao ensino. Son cursos didácticos con material noso, que empregamos aquí, que veñen moi ben para as escolas, pensado para infantil e primaria.

Que tal os primeiros días?

Foi unha actividade frenética dende que anunciamos as matrículas para os cursos. Correos, teléfono, xente… estamos moi contentos.

Oxeito está na Rúa San Eufrasio, 94 (Lugo)

982 256 485

oxeito.xabi@gmail.com

ÚLTIMAS

A Plataforma Ulloa Viva constata en Bruxelas que España non solicitou fondos europeos para a fábrica de Altri

A Plataforma Ulloa Viva concluíu a súa visita a Bruxelas para alertar dos impactos...

A Deputación dotará a 52 concellos de ferramentas tecnolóxicas a través do proxecto Impulsa TIC

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, anunciou na Fonsagrada o inicio do...

O BNG promove unha campaña para demandar ao Goberno melloras nas infraestruturas viarias de Lugo

O BNG de Lugo iniciou unha nova campaña para reclamar o arranxo das estradas...

Greenfiber reitera que Altri “non cambiará as condicións do Ulla” e alega que o estudo de Ence “non está actualizado”

Greenfiber, formada pola enerxética Greenalia e a multinacional lusa Altri, reiterou este martes que...