O pregón de Manuel Lombao inaugura oficialmente o San Froilán 2018

O pregón do xornalista, pioneiro da radio en Lugo, supón o inicio oficial para as 280 actividades que compoñen o San Froilán 2018

Pregón de Manuel Lombao, inicio oficial do San Froilán 2018 | Concello de Lugo
Pregón de Manuel Lombao, inicio oficial do San Froilán 2018 | Concello de Lugo

É oficial, comeza o San Froilán 2018. O xornalista Manuel Lombao inaugurou nove días de festas de extensa programación, con 280 eventos que manterán o espírito da feira tradicional máis importante de Galicia, que se estenderá ata o vindeiro 12 de outubro. O pregón precedeu á primeira sesión musical e mailo espectáculo do colectivo ALAS, un xeito inmellorable de dar a benvida á xornada festiva do venres, adicada ao patrón de Lugo.

Lombao é un apaixoado da radio, un pioneiro deste medio na cidade. Foi responsable da emisión musical Aquí la juventud, antes de pasar a TVE para narrar os actos institucionais da Casa Real, as Forzas Armadas ou o Congreso dos Deputados, co programa Parlamento, ao que adicou oito anos coma presentador e director. No seu pregón deixou chiscos da súa xuventude, da historia e do presente de Lugo.

Pola súa banda, a alcaldesa Lara Méndez convidou a desfrutar das cores do outono e do ambiente da cidade. A rexedora sinalou que os 280 actos do programa permitirán gozar do mellor patrimonio de Lugo, as súas xentes. Trala introducción institucional, comezou o concerto de Los Gofiones, seguido da actuación da Orquestra Sondeseu, con Vanesa Muela, Xuacu Amieva e Luis Peixoto de convidados; o espectacular concurso Miss Deusa, a cargo de ALAS; e xa para a noite e a madrugada, a orquestra Panamá, a noite sabinera de La Penúltima, e a sesión de A Duendeneta.

O venres, día de San Froilán, terá o primeiro evento ás 11.00 horas, coa apertura da feira de antigüidades e coleccionismo na rúa da Raíña. Ás 12.00, a comitiva da corporación municipal realizará a ofrenda ao patrón, acompañada pola agrupación Campeiros de San Xoán do Campo. Finalizado o ritual, Lucus Ensemble, Pilocha e Lis Latas actuarán na Praza de Santa María e comezarán os pasarrúas, a cargo de Trastiños de Castelo, Devandoira Infantil, Os Amigos de Manolo, A Excusa, Garrafón.com, Airiños de Orbazai, Os Festicultores e Louband.

Skintinght e Vrásica amenizarán as sesións vermú na Rinconada do Miño e en Campo Castelo, respectivamente. E xa pola tarde, dende as 19.00 horas, verbena galega d`antes –con actuacións e obradoiros de baile tradicional a cargo de Xabier Iglesias–, o concerto de La MODA e o de Zenet, actuacións de hip hop e un espectáculo piromusical completan a programación do día de San Froilán.

Le o pregón íntegro de Manuel Lombao

Consulta os reforzos en mobilidade, buses gratuítos e punto contra a violencia machista do San Froilán

1 COMENTARIO

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here