Autobuses de balde e sorteo sorpresa para o Caudal Fest

A organización sortea dúas entradas VIP entre mércores e xoves – O Concello facilita buses cada 15 minutos nos dous días do Caudal Fest

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do xerente do Pazo de Feiras e Congresos, Rubén López, e os organizadores do festival, David e Iván Méndez | Concello de Lugo

O Caudal Fest celebrarase este venres e sábado en Lugo. Na recta final e superando as mellores expectativas, a organización completa os derradeiros preparativos en coordinación coa Xunta de Seguridade Local. Para facilitar o acceso a este espectáculo de música en directo á beira do Miño, o Concello habilitará buses de balde cada 15 minutos.

O primeiro gran festival urbano de Lugo está ubicado nos xardíns do Pazo de Feiras e Congresos, onde hai instalada unha zona de descanso e acampada debido á alta ocupación hoteleira da cidade e a contorna. A afluencia esperada no Caudal Fest é tal que obrigou a mover as actuacións do primeiro día –gratuíto– cara o escenario principal, na marxe do río.

A entidade local ofrece un transporte alternativo para que todas e todos os asistentes non teñan que coller os seus vehículos para acudir ao festival ,e o fagan de forma cómoda e segura, segundo explicou a alcaldesa Lara Méndez. A responsable do Concello avanzou que os buses lanzadeira sairán dende a Praza de Bretaña as dúas xornadas do festival, con saídas continuas o venres, dende as 18:00 horas e ata as 02:15 horas dende o centro; e dende as inmediacións do festival cara a cidade, dende as 18:15 ás 02:30 horas da madrugada. Pola súa banda, o sábado será dende as 14:00 horas ata as 04:00 dende a Praza de Bretaña e de 14:15 a 4 da mañá dende o festival.

Os servizos serán reforzados ao inicio e remate de ambas os dous días do Caudal Fest, así como tras o concerto de Rulo y su contrabanda (o venres) e logo de Vetusta Morla (o sábado), por seren os dous cabezas de cartel de cada día. É dicir, en vez de dous buses haberá catro, con saídas cada 7 minutos.

O punto de partida é a Praza de Bretaña (dende a parada de bus), e o de destino é a parada de bus da Avenida dos Deportes, en fronte do aparcadoiro do Anxo Carro.

O percorrido de ida é o seguinte: Praza de Bretaña, pasando por Ramón Ferreiro, Avenida de Madrid e N-VI, ata festival; e o de regreos; N-VI por curva da Viña, estrada vella de Santiago, República Arxentina, Pintor Corredoeira e Praza de Bretaña. Tamén haberá unha zona reservada para taxis, despois da de bus. Ambas as dúas estarán acotadas para garantir a fluidez.

Ademais, o propio sábado, os autobuses urbanos serán gratuítos para todos os pasaxeiros durante todo o día, unha medida coa que se trata de contribuír a fomentar o uso do transporte público colectivo, coincidindo coa Semana Europea de Mobilidade.

Zona de acampada do Caudal Fest de Lugo, que se celebrará os días 21 e 22 de setembro
Zona de acampada do Caudal Fest de Lugo, que se celebrará os días 21 e 22 de setembro

Tanto a rexedora como os organizadores do festival –David e Iván Méndez–amosáronse máis que satisfeitos pola acollida do Caudal Fest, concebido para gozar da natureza do municipio a través da música, que cumpriu as expectativas de lanzamento. O festival acadou máis de 10.500 entradas vendidas, 650 persoas con reserva na zona de descanso, a oferta hoteleira cuberta dende o verán, e máis de 50 persoas acreditadas para cubrir o evento.

O xerente do Pazo de Feiras e Congresos, Rubén López, amosouse orgulloso do traballo do Concello e da organización neste evento, que pon en valor a zona do Pazo de Feiras e Congresos, e que terá gran repercusión socioeconómica en Lugo.

O Caudal Fest completa a axenda de actividades culturais que ofrece o municipio ao longo do verán e de todo o ano. Tamén complementa a oferta festivaleira de Galicia e sitúa a Lugo dentro do mapa nacional e internacional das citas musicais. É ademais cita sostible e respectuosa co medio ambiente, nunha zona que conta cunha gran riqueza patrimonial e histórica, e que o Goberno quere potenciar e unir coa cidade.

Máis información do evento aquí

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here