InicioCultura"A idea do indiano está moi arraigada na poboación de Santaballa"

“A idea do indiano está moi arraigada na poboación de Santaballa”

A Liga Santaballesa organiza na parroquia vilalbesa de Santaballa a oitava edición da Feira do Indiano este 15 de setembro, recreando o ambiente da Habana

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Feira do Indiano é a festa que conmemora a importancia da emigración na cultura e no progreso económico de Santaballa. Esta parroquia do termo municipal de Vilalba abre a calquera que queira participar a oportunidade de revisitar a historia da Liga Santaballesa, nun ambiente festivo con xogos tradicionais, artesanía, música que tenta reinventarse en cada edición. Estas son as VIII Xornadas sobre Migracións Indianas, explicadas por Isidro, membro desta sociedade a cabalo entre a chaira e o Caribe.

Como nace a Liga Santaballesa?

É unha sociedade que nace na Habana, de emigrados desta parroquia santaballesa, a principios do século pasado, en 1907. Esta sociedade reúne fondos para a construcción dunhas escolas, construídas aquí na parroquia, sendo a primeira a Liga Santaballesa, e despois construíndo outras dúas, a de Fontepisón e a de Bordelle.

Estas xornadas recobran o espírito emigrante, esa parte das Indias que queda instalada en Santaballa.

En cada un dos domicilios tiñan un emigrado, un emigrado que aportaba cartos a parroquia e os familiares, que creou riqueza e obras de interese social. A idea do indiano está moi arraigada na poboación de Santaballa.

Durante a xornada é típica a vestimenta de cores claras. Como se recrea ese ambiente indiano?

Nestas xornadas tratamos de que sexa un ambiente festivo, con música caribeña, un ambiente coma o das festas que facían as sociedades galegas na Habana. Cremos que ao mesmo tempo que nos divertimos podemos dispoñer detalles de Cuba, exposicións fotográficas, de produtos e traballos relacionados coa época, da vida do emigrado.

Como acollen os máis novos as exposicións e guías de elementos que van quedando lonxe no tempo?

Normalmente para os máis pequenos é un choque. Na escola temos unha aula con mobiliario que data de 1922, da escola inaugurada en 1916. É un choque para un rapaz que ten unha idea totalmente distinta do que é unha aula, aquí está a cociña de leña, para quentar o edificio, ventanais enormes, alturas impresionantes no edificio, pupitres de dúas prazas… unha serie de elementos que os nenos hai tempo que non ven, ou que nunca viron nunha escola.

Ao igual que Santaballa, outras zonas viviron con intensidade o fenómeno da emigración. Dentro da provincia, colaborades con algún colectivo emigrante?

Nós o que estamos é abertos á colaboración con todo tipo de entidades, pero non temos un arraigo particular con alguha sociedade. Si que colaboramos coa Liga Santaballesa na Habana, en ocasións, e con colectivos que realizan visitas guiadas na escola e roteiros de senderismo pola parroquia. É habitual que veñan colexios, institutos de toda a provincia e incluso de fóra. E igualmente colectivos de asociacións culturais.

Ademáis da música e da charanga, é moi típico desta festa o xantar e maila queimada. Como evolucionou a festa?

Todas as actividades foron adaptadas a xente que viña, tratando de innovar cada ano, que non se fixeran xornadas previsibles. Tratamos de facer algo distinto, todos os anos modificamos as exposicións, viñeron de roupa indiana, de vehículos clásicos, de olería, talla de madeira… cada ano a xente que vén pode ver cousas totalmente distintas. Pretendemos que non sexa unha festa monótona.

Contaredes nesta edición con artesáns?

Todos os anos veñen artesáns a mostrar traballos da época, e tamén facer talleres, porque para nós é moi importante que os nenos poidan participar, que saiban como se traballaba na época, os traballos da casa, o queixo, o amasado do pan, o chocolate con auga, como se traballaba no barro. Gústanos que os nenos poidan comprobar e facer de forma manual estes traballos.

E logo está o partido, entre Santaballa d’arriba e Santaballa d’abaixo. Quen gañará?

(Ri). Isto iniciámolo o ano pasado como partido benéfico, coa colaboración de Marcos Pereiro, Touriñán e unha serie de actores da TVG. E este ano continuámolo para rememorar estes partidos de a partir dos anos corenta; había tanta xuventude en Santaballa que permitiámonos o luxo de ter unha competición propia entre barrios. Había oito equipos dentro da mesma parroquia, algo impensable hoxe en día.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...