Nova campaña para mudar o Castro de Viladonga no centro da cultura castrexa

Investiranse preto de 200.000 euros en traballos de campo e en actividades divulgativas para revalorizar o Castro de Viladonga, Ben de Interese Cultural

Vista aérea do castro de Viladonga / xunta.gal

O castro de Viladonga, en Castro de Rei, é un xacemento arqueolóxico da Idade do Ferro e de época romana que destaca polos seus valores científico e patrimonial, así como polo seu potencial como recurso cultural, dado que se trata dun dos xacementos arqueolóxicos máis senlleiros de Galicia. O espazo, no que se leva actuado desde os anos 70 do século XX e que ten a consideración de Ben de Interese Cultural, recibiu o ano pasado case 26.000 visitas.

Con todo, o castro aínda non ten desenvolvido todo o seu potencial turístico e arqueolóxico. Para iso, a partir deste mes realizarase unha actuación arqueolóxica que contempla a realización dunha intervención de carácter integral (limpeza, escavación, consolidación e acondicionamento) sobre amplos espazos localizados no ángulo nordés da croa do castro que supoñen unha superficie de actuación de aproximadamente 1.300 m². Así mesmo, acondicionarase a parte superior da muralla principal do xacemento coa finalidade de regularizar o seu acceso e mellorar a súa accesibilidade.

Segundo apunta a Xunta, os traballos cofináncianse nun 80 % a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, e súmanse aos desenvolvidos neste castro nos últimos anos, ata sumar un investimento total por parte do departamento de Cultura da Xunta de Galicia de preto de 500.000 €.

O prazo de execución da intervención é de 8 meses, aínda que os principais labores de campo (limpeza, escavación, consolidación e acondicionamento do xacemento) e a divulgación realizáranse fundamentalmente nos meses de setembro, outubro e novembro do 2018. A sinalización dos restos e o traballo de laboratorio realizarase a posteriori.

Escavación e acondicionamento

En concreto, as actuacións que se van desenvolver nesta campaña inclúen a roza, limpeza e retirada de vexetación na croa e antecastro, incluíndo as murallas, parapetos e fosos. Ademais acometeranse traballos de escavacións e de limpeza e consolidación das estruturas nestes mesmos espazos, tanto das coñecidas como daquelas que poidan aparecer no transcurso desta actuación. Así mesmo, acondicionaranse os restos arqueolóxicos exhumados nestas áreas.

Por outra parte, acondicionarase o paseo superior da muralla do Castro de Viladonga, o que inclúe a colocación de chanzos de madeira ben integrados na pendente existente, e dunha varanda acorde co entorno, ademais da regularización e compactación do camiño para aportar unha maior seguridade. Igualmente, o proxecto contempla o acondicionamento e posta en valor do corte existente no sistema defensivo do castro, de forma que os visitantes poidan visualizar os diferentes compoñentes estruturais da muralla e do foso. Ademais, executaranse as ramplas necesarias para mellorar a accesibilidade das zonas de actuación dentro do itinerario do castro, e instalaranse nalgúns puntos varandas de madeira para maior seguridade dos visitantes.

De forma paralela á campaña organizaranse visitas guiadas, charlas e diferentes accións de divulgación da mesma. Ademais, no marco desta actuación, actualizaranse os dous paneis informativos xa existentes no xacemento e instalaranse dous novos paneis informativos sobre o sistema defensivo do castro. Non en balde o obxectivo xeral das actuacións desenvolvidas nestes últimos neste xacemento é mellorar o estado de conservación das estruturas atopadas na croa do castro, así como facilitar a súa comprensión e accesibilidade ao público en xeral.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá preto de 195.000 euros nesta nova intervención no Castro de Viladonga que acometerá a empresa Terra Arqueos baixo a dirección do arqueólogo Miguel Ángel López Marcos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here