Cándida. A realidade das galegas “migrantas” en Arxentina

No Día da Galicia, Helena González de Bisagras de Papel comparte unha historia de emigración da súa familia, a modo de homenaxe ás "mulleres migrantas".

Cándida é un personaxe radiofónico e cinematográfico creado pola actriz cómica arxentina de orixe asturiana, Marina Esther Traveso, coñecida polo nome de Niní Marshall.

O personaxe obedece a un estereotipo xa presente con anterioridade no imaxinario colectivo arxentino: o da “mucama” galega.

Mucamo, mucama
En Arxentina. Persoa empregada no servizo doméstico

 

Desde finais do S.XIX, as mulleres galegas do rural comezan a emigrar en masa, rumbo a América, para traballar principalmente no servizo doméstico. Ós poucos, vaise construíndo o mito das galegas como xoves inxenuas, pouco refinadas, desconfiadas, amarradas, tarabeleiras e fácilmente recoñecibles polo seu acento.

Cándida Loureiro Ramallada encarna todas esas calidades. En 1939, despois de ter acadado un éxito inesperado na radio, o personaxe da o salto ó cine coa película homónima, dirixida por Luis Bayón Herrera. Despois desta haberá moitas máis.

Que interese pode ter unha película protagonizada por unha especie de cruzamento entre Lina Morgan e Beatriz Carvajal, que se asaña coas galegas migrantes e pobres? Podería obviar certos detalles incómodos e centrarme no valor documental do filme?

Sempre tiven interese na emigración das mulleres, xa que a miña avoa Casilda emigrou a Cuba soíña e sendo ben nova. Contan que o seu destino inicial eran os Estados Unidos de América, onde os seus irmáns e irmás agardaban por ela, pero que debido a cambios nas políticas migratorias tivo que se conformar con Cuba.

A súa experiencia migratoria é un misterio para min. Sei que viaxou solteira e voltou casada. E que traballou no servizo  doméstico. En Cuba, non tiña irmáns ou irmás, pero si familia extensa, que mirou por ela.

Cando observo a escena en que Cándida descende pola escaleira do barco que a leva a Bos Aires, podo albiscar un algo da miña avoa Casilda. Ela tamén levaría os documentos a recado, respondería con palabras semellantes ós traballadores de aduanas e miraría con desconfianza ó señor médico.

Pode que tamén fixese noite en Triscornia, o equivalente cubano do Hotel de Inmigrantes de Bos Aires, en canto non contactou coa familia. Seguro que sentiu  medo e vulnerabilidade, afastada do seu entorno doméstico, onde todo era pequeneiro e recoñecible.

Como Cándida, seguro que a  miña avoa tamén acudiu a unha desas romaxes multitudinarias, acompañada polo meu avó. Ella, que nunca antes bailara! E seguro que de noite, tamén soñaba coa terra que deixara tras de si.  Eran soños, nos que viaxaba non á Galicia mariñeira de onde procedía Cándida, senón a ese lugar mítico de Queixa, nas montañas do Ourense oriental. onde foi Heidi por un día.

Grazas a “Cándida” fun quen de acompañar á miña avoa no seu periplo e tamén de descubrir a ollada do Outro, que axexa a través dunha lente, que deforma. A verdade é que querería outra ollada para ela, máis benevolente e humana. Ser migrante non vos é fácil!

[Do blog Bisagras de Papel]

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here