InicioCultura“Non entra a idea de que a arte urbana é algo bo...

“Non entra a idea de que a arte urbana é algo bo para a cidade”

Un dos integrantes de Otro Prisma explica a súa experiencia revitalizando espazos de Lugo e facendo obradoiros para nenos

PUBLICADA O

- Advertisement -

Durante a última semana produciuse unha intensa actividade na Praza do Castiñeiro. Alí, dende o sábado anterior, os rapaces de Otro Prisma pintaron o muro do parque, como antes fixeron noutros espazos recuperados en Cidade Norte e Infanta Elena. Son enclaves públicos que requiren doutro aire, de arte urbana para agochar solucións urbanísticas a medio rematar ou desgastadas.

Otro Prisma ten media ducia de integrantes, un grupo que leva pintando toda a vida en Lugo. Diego é da Piringalla, barrio do que procede outro integrante, e o resto son da zona de Fingoi. En 2012 asociáronse para organizar eventos vencellados coa arte urbana. 

No Castiñeiro tiveron bastante actividade. Cada tarde, a partir das cinco, o lugar énchese de cativos, como certificaron a mediados de semana, cando a calor foi menos severo. “É agradecido, son moi graciosos”, comenta acerca de traballar cos máis novos. “Cando te decatas teñen dous sprays na man, din que están tentando facer outra cor… dan que facer, hai que estar atento se queres levar pautas no obradoiro”.

Os raparigos traen certos conceptos sobre o grafiti xa de casa. “Sempre din que é algo vandálico, pero que ven cousas moi bonitas”. Todo depende, di Diego, dos prexuízos que transmiten os pais. “Este tipo de actividades axuda a cambialo, que nos vexan facendo obradoiros e que hai un traballo detrás”.

“Nós non estudiamos, o que aprendemos foi a base de quedar cos colegas, ter os nosos muros legais e machacar”. Os membros de Otro Prisma xa renovaron esta mesma praza en 2015, cando había grafitis ao chou e que non abranguían toda a superficie do muro.

Foi casual, o encargo ía ser para outros. Pero pasaron polo Concello por mor dun evento que querían organizar, pedíronlles un proxecto para a Praza do Castiñeiro, e dende aquela seguiron traballando xuntos. “Logo fixemos a Casa da Música, e a raíz diso fixemos moitos máis proxectos; que se levaran a cabo foi outra historia”.

As obras en espazos públicos están rodeadas de complexidades, como aprenderon cun proxecto de certa repercusión canda a Ronda da Muralla. O seu deseño para decorar unha medianeira foi tumbado por Patrimonio. “Non era nada doutro mundo, entre unha cousa e outra rematou por non saír”.

É por iso que a principal actividade de Otro Prisma en colaboración co Concello de Lugo son os obradoiros infantís. Estas xornadas son de tres horas e nelas empregan pinturas sen disolventes, á auga, con máscaras e luvas para as nenas e nenos participantes. Adoitan ser na rúa, como é preferencia dos artistas, máis en ocasións o goberno local solicita que sexan realizados en espazos pechados, como a Praza de Abastos.

“Facémolos con caixas de cartón de un por un, como puzzles, traballando a diferentes alturas para facer unha especie de muro”. Tamén empregan film industrial, co que forman un muro tensado entre dúas árbores, mais esta solución é efímera. Con todo, no Castiñeiro tiveron unha idea distinta: globos de cores.

“Pensamos que sería unha actividade diferente, que non se soe facer”. O muro estaba desfeito, co taboleiro cuarteado, seguramente porque non foi ben tratado no seu momento. “Cando o fixemos en 2015 lle déramos un fixador, pero nos comentaron que a madeira hai que tratala doutro xeito, darlle imprimación”. Como non confían moito no material, desta vez aplicarán un barniz e tentarán que colla máis corpo.

Os motivos da pintura soen variar. “Soe pasar que tes unha idea pendente, algo que podería resultar. A idea do fondo de cores veu de que a Praza do Castiñeiro era a base de grises”. Estaban convencidos do deseño, “era plano e encaixaba”, pero querían darlle colorido para evitar que decaera en inverno, porque é un entorno apagado.

“Logo veu a idea dos globos, algo máis pop, street art, que se leva entre os artistas. Deixamos que o fixeran os nenos para logo rematalo nós, a ver que pasaba”. Despois vén a técnica de cadaquén. “Cada un ten o seu estilo e o seu xeito de pintar, está bastante definido. O rapaz co que vin traballa máis en chan, eu máis no volume”.

Dentro da asociación, explica Diego, “hai xente moi purista á hora de facer letras máis elaboradas”. A sinatura é unha marca identitaria característica do grafiti. “No grafiti segue a estar moi ao día, ir a unha cidade, deixar o selo”. O que realizan no parque é muralismo, arte urbano. En cambio, o grafiti ten un compoñente ilegal, porque aparece en sitios de difícil acceso, coma trenes ou muros a gran altura.

O mundo urbano de Lugo é ben distinto ao doutras cidades, e faltan espazos sobre os que traballar. En especial, medianeiras. “Levo loitando por iso dende que en 2013 comezamos a ter máis actividade. Comezaban a verse medianeiras noutras cidades, mais non tiña a sona de hoxe en día”. O difícil, comenta, é que as administracións aposten pola arte na rúa.

“No Concello non lles entra a idea de que é algo normal, algo bo para a cidade, porque hai espazos que o necesitan”. “A hora de proxectar bótanse atrás: ou non hai cartos, ou non fai falla”. Ou mesmo topan cos veciños. En Otro Prisma teñen unha listaxe cos muros sobre os que queren traballar, con propostas que levan ás comunidades de veciños. Unha loita esgotadora.

“Cando ven os nosos orzamentos táchannos de tolos, pero é coma o pintor que dá unha man de pintura exterior, non o valoran”, comenta resignado. Malia que estes proxectos soen ir a cargo do departamento de cultura, e que incluso poden engadir valor aos inmobles, a veciñanza non soe estar disposta a autorizar estes traballos. “Un artista europeo recoñecido pode ter repercusión”. Aliás, recoñece que “atopas de todo”.

“Aquí defenden antes outras cousas, non tiran de nós porque miran que somos rapaces”. Os inicios foron complicados, e optaban por non cobrar os materiais, ter abondo para traballar unha semana “e poder comer”. Así e todo, o tempo levoulles a outro tipo de actividades. “O importante é ter iniciativa e repetir, se fas dúas, tres medianeiras, a xente as mira e vailles gustar, pero dar o primeiro paso custa”.

E iso que, insiste, noutras cidades estes proxectos son encargados polas propias comunidades. “É triste dicilo, pero Lugo é conformista, todo o novo cústalle”.

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...