Fin de semana de música tradicional no Festival de Pardiñas de Guitiriz

A Asociación de Gaiteiras Galegas organiza a XXV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional no marco do Festival de Pardiñas de Guitiriz

Intre da XXIV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional do Festival de Pardiñas de Guitiriz, organizada pola Asociación de Gaiteiras Galegas (AGG)
Intre da XXIV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional do Festival de Pardiñas de Guitiriz, organizada pola Asociación de Gaiteiras Galegas (AGG)

A comisión de artesáns da Asociación de Gaiteiras Galegas (AGG) estará un ano máis no Festival de Pardiñas de Guitiriz. Será a XXV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, ocasión especial logo dun cuarto de século da máis antiga e importante representación da Península Ibérica. Máis de trinta artesáns exporán o seu traballo estes días 4 e 5 de agosto no concello chairego.

Será un lugar de encontro para a música tradicional galega, representada por a máis ampla variedade de gaitas, requintas, zanfonas, tambores, bombos, pandeiretas, trompas ou violíns. A precisión dos profesionais deste gremio renovará o recoñecemento dos instrumentos tradicionais galegos, valorados no mundo enteiro. Todo, nun marco como é o Festival de Pardiñas de Guitiriz, escenario para unha fin de semana de música e baile folclórico, con actuacións en directo e obradoiros.

A XXV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional abrirá co pregón a cargo do biólogo, profesor e gaiteiro ferrolán Xan Silvar, o sábado 4 ás 17.00 horas, en compañía do grupo Raparigos. Silvar é cofundador xunto a Carlos Cabrera desta formación, que grabou coa Polifónica de Bazán, o Orfeón Terra a Nosa e con Emilio Cao. O laureado Raparigos xurdiu cando eran alumnos do Constantino Bellón, en 1968. Asiduos de concursos e romarías, xiraron polas nacións atlánticas e representaron a Galicia na Expo de Sevilla.

Rematado o pregón, a festa continuará co concerto das Maraghotas ás 18.00 horas. Este cuarteto é resultado de diferentes experiencias musicais, un enerxético combo de timbres e texturas mesturado con melodías da tradición oral. Son mulleres sen fronteiras que fan uso de canto instrumento teñen dispoñible.

Cara ás 19.30 horas darase a coñecer a gañadora ou gañador do tambor, un sorteo posible grazas á doación do artesán Manels Percusión.

O domingo abre ás 11.30 horas coa apertura da mostra, seguida unha hora despois polo Obradoiro de Treboada da man do gaiteiro Oli Xiráldez. Este artesán explicará a formación instrumental típica da comarca do Baixo Miño, formada orixinariamente por unha gaita de barquín, un tambor e un ou dous bombos de grandes dimensións, e que se foi modificando, aumentando o número de bombos, e substituíndo a gaita de barquín pola de sopro directo.

Xa pola tarde será a vez do Obradoiro de Baile tradicional, ás 18.00 horas. Guiará a función o compostelán Gustavo Couto, mestre dende 2003 en distintos grupos e escolas, e director do OCT Ultreia dende 2009 ata 2017. É asemade coautor do Bailabén, editado por Edicións do Cumio.

Para rematar a xornada, o sorteo da gaita de buxo das 19.30 horas. Feita e doada pol’Os Canallas, é un traballo colaborativo de Alberto Pires, Oli Xiráldez, Queima, Alfonso Castro e Patricia González.

Amais das actividades previstas, o Festival de Pardiñas de Guitiriz conta cun escenario libre durante os dous días, para aqueles músicos que desexen tocar, ou artesáns que queiran facer algunha demostración.

A mostra permanecerá aberta ao público durante toda a fin de semana, cun horario de 17.00 a 21.30 o sábado, mentras que o domingo será de 11.30 a 14.00  e de 17.00 a 21.30 horas. Todas as actividades terán lugar no recinto preparado pola A.C. Xermolos de Guitiriz.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here