InicioSociedadeMartín Barreiro: “É doado promocionar Lugo, temos moito que a xente descoñece”

Martín Barreiro: “É doado promocionar Lugo, temos moito que a xente descoñece”

O sobranceiro lucense, embaixador turístico da provincia, confesa que sente o deber de concienciar sobre o cambio climático

PUBLICADA O

- Advertisement -

Martín Barreiro (Lugo, 1977) é un dos lucenses de maior notoriedade pública. Home do tempo, divulgador incipiente e sobre todo un apaixoado da ciencia, mais tamén alguén curioso da moda e o deporte. Ao seu salientable servizo engadiu recentemente o papel de embaixador turístico da provincia de Lugo, que descubriu da man da familia cando era un cativo, e que tivo a oportunidade de redescubrir e amosar ao gran público.

Neil deGrasse Tyson di en Cosmos que a principal motivación da ciencia sempre é a mesma pregunta: por que. Ti es físico especializado en meteoroloxía. Por que esta especialidade?

Foi un pouco casual. Eu tiven sempre claro, dende pequeno, que quería estudar unha carreira relacionada coa química ou a física. Tomei a decisión de estudar Física, unha carreira de ciencias pura; unha carreira dura, na que sufres moito porque aínda que son cousas moi interesantes, a dificultade é elevada, é moi esixente.

Despois hai un momento da carreira na que comezo a descobrer unha parte que sempre me gustara, e descubro que a explicación atópase na física: a mecánica de fluídos, da aerodinámica e de todo o relacionado cos fluídos, a expresión dese mundo de mecánica teórica, moi técnica.

E de feito, é a física detrás da física atmosférica, xunto coa termodinámica dos procesos irreversibles, a ciencia que está detrás da atmosfera. Casualmente comecei a interesarme por ese mundo, gustoume ese tipo de física, as cousas típicas da aerodinámica, como por que voan os avións, como funciona un alerón, ou o efecto dunha pelota que describe unha parábola no aire. Cousas básicas que teñen a súa explicación na dinámica de fluídos.

Xusto nese momento, en que comezaba a coller asignaturas relacionadas con isto e a especializarme en Física Fundamental, na Facultade de Física xurde o que logo foi MeteoGalicia. No Grupo de Física no Lineal empezan a investigar sobre pronóstico atmosférico; había xente especializada en Oceanografía, que é unha das cousas nas que eu me intereso e especializo.

Por parte dos profesores hai interese por que os alumnos poidamos seguir no que nos interesa, e acabo colaborando como becario co departamento en modelización atmosférica e oceanográfica. Algo puramente técnico, que está detrás do que agora emprego no día a día para facer pronósticos. É algo bastante casual, vas atopando algo relacionado coas cousas que me gustan. Son un apaixoado do mar, da vida en contacto coa natureza, e a física atmosférica e oceanográfica explican o que pasa nela.

Unha cousa pola outra, e rematas tendo contacto co mundo televisivo. En que momento se produce esa entrada?

Bastante pronto. Levaba uns meses colaborando co departamento no Lineal, e aínda case sen rematar a carreira, quedábanme un par de asignaturas, xorde a oportunidade de facer no verán unha substitución das persoas que facían o pronóstico en MeteoGalicia, Beatriz Hervella e María Jesús Souto. Alguén do departamento podía ir a cubrir as súas vacacións.

Martín Barreiro durante a xornada Apaixónate 2018
Martín Barreiro durante a xornada Apaixónate 2018

Convócase un casting, e fanme un ofrecemento, o cal era raro vindo de Física. Pero no fondo é lóxico, tradicionalmente os homes e mulleres do tempo foron meteorólogos, agora hai máis mestura, con xornalistas que se adican a contar o tempo, pero de xeito orixinario eran meteorólogos, e a maioría estudaran Física.

Pareceume interesante, ofrecían un contrato. Sentía pánico por enfrontarme á televisión, e dixen que si pero cuns meses de moito medo, facendo uns espazos do tempo terribles. Pero ao mesmo tempo, moi emocionante.

Como é o día a día da previsión? Como aplicas esa curiosidade no traballo da televisión?

Temos a fortuna de que podemos traballar no que nos gusta, nun campo que permite ir aló do día a día. O meu traballo é moi semellante a cando comecei, pero agora teño dezaséis anos de experiencia e moita formación e coñecementos que non tiña cando empecei.

O primeiro e fundamental é preparar ben o pronóstico para todo o país nas vindeiras horas e días. Que estea ben feito é o máis importante, elaboramos os nosos propios pronósticos, contamos o que preparamos. Poñemos símbolos, temperaturas, un por un e a man, toda a información nun proceso moi artesán.

Hai máquinas e ferramentas moi potentes coas que traballei ao comezo da miña carreira profesional, e aínda que cada vez fan máis doado o traballo, hai que tomar as decisións poñendo máis de mil símbolos entre cidades, temperaturas, mapas de avance… son metódicas, sistemáticas, pero cada día son distintas porque cada día ten un pronóstico distinto.

Este traballo require máis responsabilidade, porque o pronóstico chegará a moita xente e ten que estar ben contado. Da igual que o pronóstico estea ben feito se non se entende cando o contas. É no que máis esforzo empregamos cada día, pero temos a fortuna de que os nosos espazos son longos, permiten ir máis aló e dar pinceladas sobre situacións chamativas ou perigosas.

Martín Barreiro durante a rodaxe da promoción turística da provincia de Lugo
Martín Barreiro durante a rodaxe da promoción turística da provincia de Lugo

Tratamos de meter explicacións, análises de por que sucede; cremos, e así o amosan as audiencias, que gusta moito e o público está aberto ao coñecemento e aprender novas cousas. Por iso é tan interesante que o noso traballo teña esa parte, que permite saír do día a día.

Tes algún horizonte profesional vencellado coa túa formación que deixaras pendente, ou que teñas curiosidade de abordar no futuro?

A verdade é que foron cambiando os meus intereses a nivel de formación. Cando comezaba a miña carreira profesional, quería seguir investigando a fase de conexión entre a atmosfera e o océano, onde se produce unha gran parte da física atmosférica. A día de hoxe, éme máis complicado estar ao día, avanza moi rápido. Hai outros temas que son de interese para o gran público, pola miña posición de divulgador e comunicador social: comunicar máis e mellor todo o relacionado co cambio climático.

Non foi dende o comezo un obxectivo meu, pero cada vez gosto máis da posibilidade de explicar que sucede e vai suceder, e que podemos facer para cambiar e adaptarnos ao que vén. É unha parte que representa para min un reto importante, que sae do día a día e esixe adicarlle máis horas. Pero é unha tarefa que moral e persoalmente está na miña man e me apetece facer.

Ese é un dos meus horizontes. Hoxe en día hai unha parte nos medios de comunicación que son as redes sociais, a interacción. No meu caso, en Televisión Española son o máis activo nas redes sociais, penso que é o xeito de comunicar no futuro. Redes e televisión están chamados a entenderse, e adícolle moito tempo por iso. É un xeito de chegar rápido, directo e con moita contundencia á xente, de continuar a explicación e a discusión. É unha das tarefas que teño persoalmente de aquí en adiante.

Estamos a vivir un verán atípico, con constantes extremos, difícil de anticipar. As estacións perderon a súa posición no calendario. Como evolucionará o clima de Lugo?

Efectivamente temos un verán atípico, pero non só en Lugo, en Galicia ou en España, en todo o mundo. Os eventos extremos son cada vez máis extremos e máis frecuentes: vagas de calor continuadas en todo o norte e o centro de Europa, temperaturas extremas de máis de corenta graos en Siberia. Cousas que non se vían anteriormente.

Os últimos tres anos foron en España os máis cálidos dende que hai rexistros. Este ano non está sendo tan cálido, pero sí treboento, con treboadas moi fortes e continuadas polo norte, con danos nas colleitas. Aquí en Galicia temos un verán regular, afortunadamente non temos tanto evento extremo, este ano en concreto.

Martín Barreiro protagoniza a campaña 'Lugo Cambia: os sentimentos dunha viaxe'
Martín Barreiro protagoniza a campaña ‘Lugo Cambia: os sentimentos dunha viaxe’

Isto é unha observación do día a día, que malia que non se pode relacionar directamente co cambio climático, evidentemente responde aos pronósticos establecidos sobre como vai a ser o clima no futuro. Imos cara un mundo cunha atmosfera máis quente. E cabe esperar que esta situación se repita, xa sexa con vagas de calor ou eventos extremos. As estacións estanse descolocando, estase ampliando o verán e reducindo o inverno. Cada vez hai máis rexistros e cada vez é máis evidente.

Es unha figura pública, un embaixador de Lugo. E tamén un embaixador turístico. Como foi percorrer a provincia?

A verdade é que foi moi agradable. Cando me chamaron fíxome moita ilusión, porque que conten contigo na túa terra ten dobre valor. Porque amosas credibilidade e chegas a xente, e porque sendo da terra sentes máis orgullo. Amais, a experiencia de percorrer a provincia para amosar o que temos faite vivir experiencias que eu vivira hai moito tempo ou non vivira. Tiven a fortuna de poder revivilas, nalgúns casos.

É moi doado promocionar Lugo, porque temos moito que a xente descoñece, e penso que son cousas que nós non poñemos en valor porque para nós son normais, e non nos decatamos de que pode ser un atractivo para moita xente. Un dos obxectivos desta campaña de promoción e poñernos nos mapas. Síntome moi agradecido.

Dicía Cheché Real que a Lugo só lle falta unha pista de esquí. Nesa viaxe, que é o que máis te sorprendeu, e que recuperaches da túa vivencia?

Teño familia no Courel, na Mariña, e en Lugo cidade. Esas zonas coñézoas moito e para min a Mariña é a costa da miña infancia. As praias que temos, ese ambiente, esa temperatura, é realmente especial. Cando o entendes, desfrútalo como cando eu era pequeno. Lembro estar acotío na auga, non lembro que non houbese días de praia, saír enrugado da auga.

E no Courel, e toda a Montaña de Lugo, si que coñezo. Teño as lembranzas de ir á castaña, ás excursións da neve no Piornedo e nos Ancares. Non coñecía tan ben a Ribeira Sacra, fora varias veces pero non ata o punto, por exemplo, de bañarme no río e descubrir que a auga está tan quente e é tan agradable para o baño. A comida, a bebida de calquera sitio da provincia é realmente espectacular. Iso tamén o descubrín na rodaxe, que comer e durmir en sitios que non están nas guías é estupendo, porque a xente é moi aberta e recibe moi ben ao viaxeiro.

 

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...