Lugo e Sarria acollerán os vindeiros 13, 14 e 15 de novembro seis sesións de autocine para seguir desfrutando da cultura en tempos de pandemia. O público poderá elixir os filmes que se proxectarán de entre unha escolma previa na que figuran producións galegas como ‘A lingua das bolboretas’, ‘A praia dos afogados’ e ‘A quen ferro mata‘; ou clásicos dobrados á nosa lingua, como ‘Gran Torino’, ‘Pulp Fiction’ e ‘Fargo’.
Tres das proxeccións estarán dirixidas a un público infantil e familiar. Poderán ser, por exemplo, ‘O apóstolo’, ‘Pérez 2’, ‘Os Goonies’ ou ‘E.T.’. A escolla farase nas redes sociais da Deputación de Lugo (@vicedepulugo) e o período de votación vai dende este luns ás 22:00 horas ata o vindeiro xoves á mesma hora.
As películas proxectaranse nunha pantalla led de 24 metros cadrados de superficie visible. O son transmitirase por FM, polo que se poderá escoitar a través dos altofalantes ou do equipo de cada vehículo.
Aínda que esta oferta de ocio estaba prevista para o verán, finalmente algúns procesos administrativos atrasaron a súa posta en marcha. A nova data coincide cun mes no que o cine terá gran protagonismo en Lugo, ao acoller a Semana do Cine entre o 23 e o 28 de novembro.