InicioCulturaA Feira de Parga será escenario para o son cubano de Roi...

A Feira de Parga será escenario para o son cubano de Roi Casal

A Carballeira de Parga acolle a XXIV Feira da Cantería, dos Callos e da Artesanía de Parga (Guitiriz), que se celebrará os vindeiros 21 e 22 de xullo

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Feira de Parga estrearase esta fin de semana ao son do ritmo fusión de Roi Casal. O virtuoso da arpa e a zanfona, outrora membro da mítica Milladoiro, será o protagonista da noite do sábado deste certame da artesanía e a gastronomía de Guitiriz. As novidades desta edición pasan por unha carreira de cabalos e unha exhibición ecuestre.

Esta festa tradicional, promovida polo propio Concello de Guitiriz e maila Deputación de Lugo –que realiza unha achega de 3.000 euros–, é dende hai máis de dúas décadas unha homenaxe aos oficios tradicionais e a cociña do lugar. Entre o sábado 21 e o domingo 22 de xullo, a carballeira da parroquia celebrará a XXIV Feira da Cantería, dos Callos e da Artesanía de Parga.

Presentaron o evento a deputada de Cultura, Pilar García Porto, a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez, e o presidente da Comunidade de Montes de Parga, Fernando Roca Arenas. O organismo provincial cofinancia tanto a organización como o concerto de Roi Casal, nunha cita vital para a economía e o turismo locais. 

García Porto explicou que esta cita “é unha feira tradicional moi arraigada no Concello de Guitiriz pola importancia da cantería nesta zona”. A deputada explicou que dela participarán 40 artesáns deste sector chegados de toda a xeografía galega. “Este ano ademais, duplicase a participación de artesáns na feira, polo tanto o éxito desta convocatoria xa está asegurado”.

Sobre a actuación de Roi Casal, a titular de Cultura subliñou que se trata “dunha xira de gran importancia, porque ofrece unha actividade lúdica de primeiro nivel para os veciños, promove as relacións históricas entre Lugo e Cuba, dinamiza culturalmente as vilas da provincia e xera riqueza noutros sectores como pode ser o turismo”. 

Pola súa banda, a rexedora Regina Polín convidou a todos os visitantes a achegarse á Carballeira de Parga para desfrutar dunha fin de semana única, con música, artesanía e por suposto unha gastronomía excepcional. A alcaldesa de Guitiriz engadiu que “como novidade nesta anualidade haberá unha carreira de cabalos e unha exhibición ecuestre”.

 

Son galego, son cubano

O proxecto de Roi Casal nace en 2014 por encargo do Instituto Cubano da Música (ICM) despois que este artista fose galardoado co Premio Internacional Cubadisco ese mesmo ano na illa antillana. Esta xira logra pór en valor, dun xeito contemporáneo, a relación entre Cuba e Galicia.

O proxecto contou con participantes de excepción como Neira Vilas (figura emblemática das letras galegas), Roi Casal (un dos artistas máis internacionais da música galega), Pablo Milanés (icona da nova trova cubana), Laritza Bacallao (unha das voces femininas cubanas máis destacadas) ou Nando Casal (membro fundador de Milladoiro, a prestixiosa banda galega).

 

Exhibicións, degustación, roteiros e faladoiros

Durante o día poderase ver como traballan artesáns da pedra, da madeira, tear ou coiro, con demostracións de artesanía en directo, e degustar un prato un prato cun forte arraigo na zona, como son os callos, por tratarse dun alimento típico nas antigas feiras. Os organizadores ofertarán unhas 1.000 racións de callos a 3 euros cada unha. Ademais nesta edición os restaurantes da vila tamén participan na venda das racións .

A programación desta Feira da Parga comeza o sábado 21 ás 20:00 horas, cunha charla sobre a emigración baixo o titulo “Experiencias dun emigrante na Habana”, no Centro de Iniciativas Turísticas. O domingo dia 22, haberá actividades para todas as idades como unha ruta en bicicleta ás 11:00 horas, e pola tarde, ás 17:00 horas, visita á Fonte de Valdobin. (Para participar nestas dúas actividades hai que inscribirse na Oficina de Turismo, no telefono 982 370 109).

 

Programa da Feira

Sábado, 21 de xullo

20:00 horas. Charla no CIT sobre a emigración “Experiencia dun emigrante na Habana”.

22:00 horas. Concerto de Roi Casal co espectáculo “Son galego, son cubano”.

Domingo, 22 de xullo

8:00-14:00 horas. Concurso de cantería

10:00 horas. Apertura da Feira de Artesanía

10:00-12:00 horas. Visitas teatralizadas á Pobra de Parga

11:00 horas. Ruta en bicicleta ao Muíño da Ruxida.

12:00 horas. Exhibición de extradición de resina.

12:30 horas. Actuación do Grupo Folclórico “Xacarandaina”

13:00 horas. Comezo da venda de callos

17:00 horas. Visita teatralizadas á Fonte de Valdobin

17:30 horas. Carreira de cabalos de forma individual por tempo

18:30 horas. Exhibición Ecuestre.

ÚLTIMAS

Polémica por 300 hectáreas de monte veciñal no paraíso hippie de Negueira de Muñiz

É posible atopar restos de neve nos costados da sinuosa estrada que descende desde...

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...