O maratón audiovisual Findecurta, un certame audiovisual impulsado desde a Oficina de Cultura do campus de Lugo da USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural, sorteou con éxito todas as limitacións derivadas da pandemia provocada polo coronavirus. Na súa quinta edición, participaron máis de 70 persoas, agrupadas en sete equipos que presentaron a concurso cadansúa proposta creativa.
Este certame está coordinado por Bruno Maez e, a través del, o Campus de Lugo da USC pretende dar resposta ás inquedanzas de novos creadores audiovisuais en galego, ademais de ofrecer unha plataforma para facer visible o seu traballo. Desta volta, salientaron o alto número de traballos presentados telematicamente.
Unha vez rematado o prazo de presentación das curtas, o xurado encargado de fallar os premios deste certame analizará os traballos. A candidatura mellor valorada farase cun premio en metálico de 500 euros, que se daría a coñecer nunha gala aberta ao público ao longo do mes de xullo.
Ademais do galardón en metálico que gratificará aos autores da curta premiada polo xurado, a proposta audiovisual seleccionada por parte do público tamén gozará da posibilidade de ser proxectada no marco da próxima edición da Semana Internacional de Cine de Autor, un certame promovido polo Grupo Cinematográfico Fonmiñá e no que os traballos da V Findecurta competirán polo Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega.