A Xunta formaliza a entrega do novo auditorio de Lugo seis anos despois de rematar as obras

A infraestrutura, que non tiña equipamento ata setembro do 2019, pasa agora a mans do Concello de Lugo. Nela investíronse case 25 millóns de euros.

O novo auditorio de Lugo | Arquivo

EFE | A Xunta de Galicia formalizou esta mañá a entrega ao Concello de Lugo do novo auditorio da cidade, unha infraestrutura cultural que supuxo un investimento total de case 25 millóns de euros e cuxa obra civil estaba terminada no ano 2014, aínda que a instalación do equipamento non concluíu ata setembro de 2019.

Persoal da Delegación Territorial da Xunta de Galicia fixo hoxe entrega das chaves e da documentación do edificio á administración local, que agora pasa a formar parte do patrimonio do Concello de Lugo.

O novo auditorio de Lugo, cuxo equipamento custou algo máis de tres millóns de euros, é unha infraestrutura con 20.000 metros cadrados construídos que se distribúen en diferentes salas, entre elas unha principal, con capacidade para 900 espectadores; e outra de dimensións máis reducidas, pensada para conferencias e concertos, con 300 butacas.

Ademais, dispón doutros espazos para albergar unha escola de música municipal, unha mediateca e actividades teatrais. Así mesmo, conta cun aparcamento para 153 coches, restaurante, cafetería e mesmo un miradoiro.

A Xunta de Galicia informa de que o Auditorio de Lugo é “a actuación máis importante das executadas” pola administración autonómica no marco do “Plan Urbe”, non só polas dimensións do edificio, senón tamén polo importe total mobilizado, case 25 millóns de euros. A súa entrega chega anos despois de rematarse e cunha enredadeira de polémicas e cruce de acusacións entre ambas administracións.

1 COMENTARIO

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here