InicioCulturaA idade dourada da arte urbana lucense

A idade dourada da arte urbana lucense

Concepto Circo, Leandro Barea, Otro Prisma, Diego AS ou o Primo de Banksy son algún dos referentes lucenses deste tipo de expresión artística moi en auxe a nivel mundial

PUBLICADA O

- Advertisement -

A arte urbana e o graffiti son moitas cousas: son beleza, son reivindicación, son convites á reflexión, solucións urbanísticas…

Moitas veces, cando pensamos nestes formatos pictóricos, o primeiro momento ou lugar que nos vén á cabeza sobre a súa orixe é Estados Unidos e os anos 60-70… Non é tan errado, porque foi daquela cando se introduciron o aerosol moderno como instrumento, e moitos dos formatos que hoxe coñecemos e distinguimos como graffiti.

Pero todo isto vén probablemente de moito máis atrás no tempo, como mínimo da época romana, e dependendo da teoría, poderiamos remontarnos moito máis atrás…

É difícil datar a chegada do graffiti moderno a Lugo, pero os expertos falan dos anos 90 e dunha influencia notable de movementos artísticos vigueses que chegaron para quedarse nas cidade amurallada… certo ou non? O importante é que sen dúbida Lugo desenvolveu unha canteira que leva varios anos resoando máis que nunca, e quizais nesta terceira década do século XXI se consolide para sempre. Estes son algúns dos actuais baluartes:

CONCEPTO CIRCO

O dúo que a día de hoxe con moita profesionalidade conforman Yoe 33 e Marcos Pereira, foi nos seus tempos o gran movemento pioneiro da arte urbana en Lugo.  Ó redor de Concepto Circo movíanse moitos satélites culturais, un grupo mozo que deixaba unha pegada xigante ano a ano na cidade… principalmente co Stylefighters Fest. A día de hoxe o grupo reduciuse, pero a experiencia é un grao e tanto Yoe como Marcos son e serán sempre referentes, como tamén o antigo compoñente do grupo LaGripe.

Onde están as obras de Concepto Circo? No Parque da Milagrosa, no barrio da estación de tren, en colexios… e a súa última obra, nos soportais da rúa Bo Xesús.

O mural da rúa Bo Xesús, o último traballo de Concepto Circo (Foto: Guido Álvarez Parga)
O mural da rúa Bo Xesús, o último traballo de Concepto Circo (Foto: Guido Álvarez Parga)

OTRO PRISMA E DIEGO AS

Otro Prisma e Diego AS son outras das sinaturas máis recoñecidas na paisaxe urbana lucense. Unha agrupación máis nova que Concepto Circo, pero moi activa e presente nos últimos anos:  Diego AS foi un dos seus fundadores, e actualmente un dos artistas máis destacados.

Onde están as obras de Otro Prisma e Diego AS? Na Praza do Castiñeiro, no CEIP Paradai, no CEIP Rosalía de Castro, no CEIP Casás, no barrio de Paradai en xeral, baixo os xardíns de San Roque, na Fonte do Rei…

Mural de Otro Prisma no CEIP Paradai (Foto: Guido Álvarez Parga)
Mural de Otro Prisma no CEIP Paradai (Foto: Guido Álvarez Parga)

LEANDRO BAREA

Leandro Barea é un estandarte da ilustración galega e cunha gran marca presente nos muros lucenses. Xenio da caricatura, o seu recoñecemento é internacional e conta con seguidores a milleiros. Preto de 100.000 en Facebook, máis de 20.000 en Instagram e case 7.000 en Twitter.

Onde están as obras de Leandro Barea? No seu barrio de Fingoi, no paseo do Miño, no barrio da Residencia, en Agro do Rolo, na Calzada da Ponte… O certo é que Leandro Barea está en todas partes!

Obra de Leandro Barea no Agro do Rolo (Foto: Guido Álvarez Parga)
Obra de Leandro Barea no Agro do Rolo (Foto: Guido Álvarez Parga)

PRIMO DE BANKSY

O Primo de Banksy é o gran anónimo lucense. Comezou a pintar as súas obras sen alcume, e foi a prensa quen lle deu un pseudónimo que a día de hoxe é tamén coñecido a nivel internacional… De feito a súa arte transvasa fronteiras. O Primo de Banksy é, xunto con Leandro Barea, o gran representante da arte satírica e crítica na cidade. Os seus stencils e graffitis son festexados e compartidos por doquier cada vez que saca o seu inxenio a relucir.

Onde están as obras do Primo de Banksy? No parque Rosalía de Castro, no parque da Milagrosa, na Rolda da Muralla…, pero creo que sinte unha especial atracción co barrio da Tinería.

O stencil de Marat, do Primo de Banksy, no barrio da Tinería (Foto: Guido Álvarez Parga)
O stencil de Marat, do Primo de Banksy, no barrio da Tinería (Foto: Guido Álvarez Parga)

ÚLTIMAS

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos depois

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos despois do seu último concerto nesta cidade....

Piden a absolución dun mozo de Vilalba acusado de violar á súa ex parella menor de idade

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes a celebración do...

Denuncian unha agresión a unha menor durante unha manifestación en Lugo por levar unha bandeira saharauí

Comunidade Saharauí en Galiza presentou unha denuncia pola agresión sufrida por unha menor saharui durante unha...

Unha certificación turística permitirá protexer o ceo nocturno dos Ancares

O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, recibiu este luns na Casa do Concello...