Os Microefectos Dramatúrxicos regresan ao Clavicémbalo

Desta volta, son catro as propostas que se poderán desfrutar este xoves 5 e venres 6 de marzo.

Representación de Microefectos Dramatúrxicos | Pepe Saavedra

Logo de tres meses dende a última sesión, os Microefectos Dramatúrxicos regresan ao Club Clavicémbalo este xoves e venres, 5 e 6 de marzo. Desta volta, traen canda si catro novas pezas de microteatro coas que agardan repetir o éxito de asistencia de pasadas ocasións.

O grupo, que está a piques de cumprir o seu sétimo aniversario, pon en escena pezas teatrais duns quince minutos de duración. As deles son historias para rir ou chorar, cunha escrita directa e actual.

Os pases representaranse ás 20:30 e ás 22:30 horas. Unha das pezas é AFT– Alternative Free Tour, escrita e dirixida por Anxo Manoel, que tamén a interpreta canda a María Grandío, Conchi Madrina, Elvira Velasco e Brian Rodríguez.

Café con T: unha historia de Soledad, de María Grandío, é a segunda das propostas. A directora acompáñase de Brais García, Elvira Velasco e Raquel López para a súa posta en escena.

En Polos sen cabeza, os asistentes poderán desfrutar de Isa Herrero e Anxo Manoel. Por último, E daquela decidiches mudar nun can, de Raquel López, contará coa intepretación de Brais García, Isa Herrero, Brian Rodríguez e a propia autora.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here