VÍDEO | A matanza do porco, contada de primeira man

É un ritual. A casa enteira dedícase plenamente a esta tarefa durante varios días, cada persoa con cadanseu rol. Falar da matanza do porco é falar de comunidade, de identidade, de tradición que sobrevive aos tempos fugaces.

Unha muller parte o porco ao día seguinte da matanza | GC

Esta mañá non era coma outra calquera. A vaca de Clara sabíao, e por iso bruaba. Sabíano tamén as galiñas, que non se botaron fóra cando abriu o día. E sabíao ela, a porca, a maior protagonista. “Xa está rosmando, xa nota que algo raro hai“, analizaba a súa dona cando aínda nada comezara. Cando todo estaba por acontecer.

Á súa irmá tocáralle hai uns días, noutra casa da mesma familia. 272 quilos. “Boísma“. Esta é un pouco máis cativa, botou aí atrás varios días sen comer. Pero xa é vella, xa fixo os tres anos. “Non vai ter tanta graxa coma a de abaixo. A de abaixo tivo dabondo”. Tres homes e dúas mulleres vaticinan sobre o que se atoparán cando o coitelo traspase a súa pel. Lévanse enfrontando toda unha vida a este ritual e é raro que os seus prognósticos non se cumpran.

Entran na corte onde se atopa a futura vítima. Unha mazorca de millo e unha tina negra con algo de comida para enganala e unha corda para atarlle unha pata. Os próximos minutos son tensos. Porca, homes e mulleres respiran axitados, pero ao pouco, todo queda nunca calma estraña.

— E logho quen dis que morreu?

— (…)

— En Abellán tamén enterraron outro. Díxome Maruja que fora ó tanatorio jueves.

— O outro día preghuntei e dixéronme: ‘Pois morreu unha que nunca morrera’. Mentira non che é!

As risas fanse coa conversa, e mentres, a porca xa está deitada no chan, sen coñecemento. As persoas traballan sobre ela colocadas ao seu redor. O primeiro que fan é meterlle unha pataca na boca para preservarlle a lingua. “Aghora ben que a abre”. Logo, Clara quenta auga nunha pota e bótaa nunha tina. Dentro, na auga fervendo, meten unha bombona de butano e enganchan nela o soprete. A bafarada de lume vai queimando os pelos da porca da man dun dos homes. Mentres, os demais encárganse de limpar os restos chamuscados co cepillo.

O silencio acapara a meirande parte do ritual, guiados pola mecánica aprendida a través do tempo, pero a pouca conversa entre eles non pasa por alto ese momento álxido no que o animal perde a vida:

— Así e todo, aghora sofren menos ca antes, co cuchilo

— Aghora xa tampouco hai homes, xa non encontras quen o fagha.

— Ai, eu acordo dunha ves… Puxérano na mesa, matárano, marcharan tomar o café e o porco escapoulles pista arriba.

— Ser é sempre unha perda. Esta era moi boa. A vaca nota que xa non , non quere que lle marchen os animais de cabo dela.

[ Podes ler a crónica completa no Galicia Confidencial. ]

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here