InicioCulturaFala Ceibe reivindica a cooficialidade do galego no Bierzo no Día da...

Fala Ceibe reivindica a cooficialidade do galego no Bierzo no Día da Lingua Materna

Unha reforma do Estatuto de Autonomía de Castela e León abriría as portas a ese novo status legal para a lingua galega e obrigaría as administracións locais a protexer e promover activamente o seu uso fronte á "desprotección" que sofre o idioma actualmente.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarara o 21 de febreiro como o Día Internacional da Lingua Materna. No Bierzo aproveitan dita conmemoración para volver reivindicar a oficialidade lingüística do galego, algo que facilitaría a súa normalización fronte á “desprotección” actual.

“Na rexión do Bierzo, as administracións locais teñen feito moi pouco pola normalización lingüística. A Lei da Comarca do Bierzo recoñece expresamente o galego no seu articulado, máis non ten uso institucional”, sostén Xabier Lago Mestre, voceiro do colectivo Fala Ceibe do Bierzo. Segundo el, estas discordancias entre a teoría e a práctica tamén son aplicables ao Estatuto de Autonomía de Castela e León, que malia recoller o “respecto e protección” da lingua galega, non garante a súa promoción social.

A esta conclusión tamén chegara un Comité de Expertos do Consello de Europa, que o pasado 13 de decembro emitiu un informe sobre a ausencia de “accións decididas por promover o galego” neste territorio leonés.

“Os galegofalantes do Bierzo seguiremos presionando por un recoñecemento institucional do noso idioma”, adianta Lago Mestre. Cre que un primeiro paso podería ser a aprobación dunha reforma do Estatuto de Autonomía nas Cortes de Castela e León, de xeito que se abrise camiño para incluír nel o recoñecemento de cooficialidade para o galego.

O proxecto de modificación tería que ser tramitado e aprobado nas Cortes Xerais, pero “de seguro que habería deputados e senadores sensibles” a pór en valor a diversidade lingüística e defender a cooficialidade da lingua galega no Bierzo.

DO LOCAL AO INTERNACIONAL: CONEXIÓNS LUSÓFONAS

Ese novo status legal había obrigar as administracións locais do Bierzo a protexer o galego mediante o seu uso institucional e, así, amarrar o futuro lingüístico en todos os eidos. “O galego do Bierzo estivo relacionado coa economía rural e agraria durante séculos”, lembra o voceiro de Fala Ceibe, “mais agora necesita normalizar o seu uso noutros ámbitos sociolingüísticos (urbano, Internet…)“.

Sen desprezar a riqueza dialectal do galego, Xabier Lago tamén valora a “normativización” e as portas que esta abre ao mundo. “O dialectalismo territorial e histórico é unha herdanza tradicional. Agora ben, necesitamos favorecer a comunicación sinxela de millóns de falantes no século XXI”. Neste sentido, reivindica as ligazóns entre o galego e o portugués e, por extensión, o brasileiro. “Pasamos do local ao internacional”, salienta. “Non desaproveitemos esta tradición linguïstica feita modernidade”.

ÚLTIMAS

Arden varios colectores de madrugada na cidade de Lugo

Varios colectores arderon na madrugada deste mércores na Estrada da Granxa, na cidade de...

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos depois

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos despois do seu último concerto nesta cidade....

Piden a absolución dun mozo de Vilalba acusado de violar á súa ex parella menor de idade

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes a celebración do...