InicioCulturaMaranfallos e carantoñas de 'cartois' para celebrar o 'Entroiro' no Piornedo

Maranfallos e carantoñas de ‘cartois’ para celebrar o ‘Entroiro’ no Piornedo

A participación nesta festa era unha das recompensas para as persoas que aportaran diñeiro no 'crowdfunding' lanzado para teitar as pallozas da aldea. De momento, xa se conseguiron máis de 7.000 euros, pero a campaña segue activa.

PUBLICADA O

- Advertisement -

No bico de Cervantes, aló no Piornedo, ao Entroido chámanlle Entroiro e os disfraces veñen sendo unha maranfallada. “Antes había xente que se disfrazaba durante máis dunha semana. Iso foise perdendo, pero queremos conservar a esencia da tradición”, explican dende Teitos de Piornedo, asociación que colabora nas actividades organizadas pola asociación O Teixeiro.

No Piornedo préndense as fachas e córrese o Entroiro. O luns 24 de febreiro, a veciñanza vestirase con “trapos vellos e grandes” —os maranfallos— e cubrirá o rostro con carantoñas elaboradas a man a partir de cartois e cordas. “Non son moi cómodas”, admiten, “pero o bonito é que as facemos todos xuntos”.

Van de casa en casa, gastan algunha broma, sentan tras da cociña, buscan algunha risa…  e procuran non ser identificados. “Antes había algunhas persoas que levaban un pau para se defender de quen quería quitarlle a careta”, lembran. E se hai quen lles dea un chourizo ou unhas orellas, tampouco din que non.

Segundo aseguran, o momento no que se reúnen máis persoas é á noitiña, á hora de acender a fogueira. “Os nenos quedan enganchados mentres miran para o lume”. Eles han de ser quen termen desta tradición de aquí en diante. Mentres tanto, todos intentan pór o seu gran de area.

‘CROWDFUNDING’ PARA TEITAR AS PALLOZAS

Teitos de Piornedo, por exemplo, convidou a participar no Entroiro a aquelas persoas que aportaran certa cantidade económica na campaña de micromecenado que lanzaron hai unhas semanas. Nunha breve conversa a fío do Entroiro, aproveitan para facer unha actualización sobre o apoio recibido, que califican de “moi bo”.

A día 18 de febreiro, xa conseguiron 7.415 euros, moi por riba da cantidade mínima precisa para sufragar os custos de teitar as pallozas. “Como a campaña vai indo bastante ben, xa encargamos o material e empezamos a pechar as parcelas do centeo”, contan. O ‘crowdfunding’ segue activo, pendente de conseguir o obxectivo óptimo de 10.000 euros. “Pero o realmente bo sería que isto chamara a atención da Administración. Nós estamos dispostos a facer o que poidamos, pero non é suficiente”, conclúen.

ÚLTIMAS

Lío no Concello de Lugo por unha factura: Candia acusa a Arroxo de malversación

A portavoz do grupo municipal do PP en Lugo, Elena Candia, denunciou o que...

Alerta amarela na provincia de Lugo polo temporal con ventos de 100 km/h

O AEMET mantén o aviso laranxa para o litoral das provincias da Coruña e...

Investigan catro veciñas de Vilalba por presunto delito de furto

A Garda Civil investiga a tres veciñas de Vilalba (Lugo), de...

A Deputación e empresarios da provincia abordan alianzas entre Galicia e Uruguay

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e empresarios abordaron alianzas estratéxicas entre...