As voces femininas no punk e no bravú: “Realmente hai poucas músicas ou están agochadas?”

A señora Xosefa de Bastavales, Lola da Ribeira, Voces de Ultratumba, Marisol Manfurada, María Doval, Finita Gay (A Martela), Linda Lamarr, Sonia Albor... Sóanche estes nomes? Foron pioneiras nos máis diversos estilos de música.

Sonia Albor, debuxada por Laura Romero | GC

“É fundamental ter referentes. Eu, con 15 anos, era unha tía rara porque tocaba o baixo”. A ilustradora Laura Romero, á par da escritora Iria Pedreira, decidiron recuperar a memoria de todas aquelas mulleres galegas pioneiras en músicas moi diversas, porque habelas hóuboas, pero poucos souberon delas. A súa teima, xa que logo, era descubrir e revindicar as nosas devanceiras, aquelas que se abriron paso no rock e no bravú, no punk, no heavy… E en todos os estilos musicais que se nos poidan pasar pola cabeza.

Así é como nace e medra, da man da editora Baia Edicións e ao abeiro do concurso Luísa Villanta da Deputación da Coruña, o libro ‘Ferreñas e Rock and Roll. Crónica ilustrada das nosas músicas máis senlleiras’, que vén de presentarse este mércores na libraría compostelá Lila de Lilith. Trátase dun anecdotario de máis de trinta mulleres ou formacións integramente femininas “que marcaron un antes e un despois tanto nos seus respectivos estilos como no conxunto da música galega”. Nel aparecen nomes fundamentais que, aínda que soe contraditorio, non chegaron a trascender máis alá do seu tempo.

Conta Iria Pedreira que son “mulleres bravas” que, dende o século XIX e ata o ano 2000, loitaron por conquistar o seu merecido espazo dentro da industria musical. Non foi sinxelo dar con elas, pero aí están, para nos recordar que “procedemos da diversidade”.

“ONDE ESTÁN AS COMPAÑEIRAS?”

Laura Romero entrou en Zënzar, unha das formacións máis lonxevas do rock galego, no ano 2016 como baixista. “Eu sempre fun moi festivaleira, pero non coñecía ningunha guitarrista”, relata. Esa ausencia de referentes comezou a preocupala. Cando subía a un escenario de calquera festival do país, decatouse do que nunca se decatara indo como parte do público. “A miña cabeza fixo click. Pregunteime: ‘Onde están as compañeiras? Realmente hai poucas músicas ou están agochadas?'”.

Pasaron os anos e segue sen atopar unha resposta que a convenza. Mais polo camiño investigou a conciencia e decatouse de que, realmente, nunca estivera soa. Pouco a pouco foi agromando no seu maxín un proxecto que unía música e ilustración e que pretendía visibilizar estas mulleres que fora descubrindo. Deu en chamarse ‘Músicas Galegas Ilustradas’, un traballo que axiña acadou a repercusión merecente e que segue hoxe en día no camiño. Nos comezos lindaba con estoutro: ‘Mulleres Galegas Kañeras‘. A Patty Castro, a súa impulsora, pasoulle algo semellante ao de Laura. O día en que se preguntou onde estaban as mulleres do heavy e do rock púxose a investigar para tecer alianzas e facer comunidade.

É así, dende a busca consciente e activa, como se atopan as historias verdadeiramente alucinantes. Unha das primeiras que fascinou a Laura Romero foi a da señora Xosefa de Bastavales, natural de Tordoia (Ordes). Esta muller, conta Romero, fíxose moi amiga de Manu Chao e organizou canda el unha ‘minixira’ no ano 1997. “Con toda a tropa do bravú”, esta muller que levaba ás costas tanto vivido e tanto traballado, emprendeu unha viaxe ben especial. “Xurxo Souto contábame historias dela. Seica lle dicían: ‘Xosefa, mira que temos que pasar por Madrid e chegar a León, garde a voz!’ Aos 20 quilómetros xa estába afónica!”, relata Romero. Nun dos concertos a xente rematou coreando o seu nome. Foi todo unha ídola.   [ Podes ler a peza completa no Galicia Confidencial. ]

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here