O concello explota o Arde Lucus para convertelo nun motor económico da cidade

Os romanos toman a cidade de Lugo / ardelucus.com

Máis de 600.000 persoas visitaron Lugo durante tres días en xuño do 2017. E este ano, a cifra pode ser maior. Ou iso esperan no concello. Un turismo que en tres días deixa máis de 12 millóns de euros. Por iso, un ano máis quere ser o escaparate para atraer turismo español e internacional á cidade. Un atractivo máis que sumar á súa muralla, declarada Monumento Patrimonio da Humanidade.

Serán os días 15, 16 e 17 de xuño cando a cidade se transforme novamente para retroceder no tempo e gozar do legado cultural e histórico de Lugo en primeira persoa.  A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, foron as encargadas de presentar este venres, no fondo da Praza Maior, a programación do Arde Lvcvs MMXVIII, uns festexos para os que o Concello, asociacións luguesas de recreación histórica e grupos de teatro prepararon nesta edición unhas 350 actividades para todos os públicos, e en distintos espazos destacados da cidade, o 90% novidades.
Desfile das tropas romanas por Lugo durante o Arde Lucus / fiestashistoricas.com

Tal e como explicou Lara Méndez, o programa, que devolverá Lugo a 2.000 anos atrás, arincará o venres ás 16:00 horas, coa xa tradicional apertura simbólica das portas da cidade, a cargo da Guardia Pretoriana. Ese mesmo día terá lugar a entrada das lexións pola Ponte Romana, celebrarase unha ofrenda ás ninfas no Balneario, e disputarase, por segundo ano consecutivo, tanto o torneo de Harpastum como a carreira Muris Lvcis, romanos contra castrexos. Como novidades do venres, a Praza de Santa María acollerá un espectáculo sobre a fundación da cidade, no que participarán os colectivos de Lugo e que inclúe tamén danza e música romana, e a representación sorpresa Baixo a Sombra.

44 ASOCIACIÓNS

Para o sábado, esta edición do Arde Lvcvs ten unha proposta universal para o desfile das tropas romans e tribus castrexas. Participarán 44 asociacións de recreación histórica, xunto ao César e Caio Antistio. A maiores dos colectivos de Lugo (Guardia Pretoriana, Cohors III Lucensium, Cohors X Urbanae, Lucus Equites, Caetra Lucensium, Salesiani Luci Augusti, Vestais de Lucus Augusti, Senatus Lucus Augusti, Asamblearias, Ara Roma, Pax Romana, Civitas Lucenisis, Lugdunum e Son de LLugh, Tin Na N´og, Castronela, Clan de Breogán, Trebas Galaicas e Mercenarios Galaicos) achegaranse do resto de Galicia, de España, como por exemplo Astorga, Sagunto e Cartaxena; e do resto de xeografía internacional, entre eles Portugal, Italia, Rumania e Francia. Esta xornada tamén acollerá, ás 23:55 un espectáculo sorpresa na explanada do Pavillón Municipal, baixo o nome Divinium, e tamén o concerto do grupo instrumental de música celta Gwendal, dende a 01:30 horas, na Praza de Santa María. O terceiro día, como vén sendo habitual, será a quenda do desfile dos 21 colexios do municipio. Tamén habera unha homenaxe á muralla.

Presentación do Arde Lucus 2018 / Concello de Lugo

Este ano unificaranse os tres restaurantes na Praza de Bretaña, crearase un espazo de teatro fixo no patio exterior do Vello Cárcere, haberá novas actuacións de todas as compañías de teatro da cidade, e elaborarase un miliario de todas as asociacións. Ademais, segundo explicou Basadre, os ilustradores de banda deseñada de Galicia, debuxarán en directo o Arde Lvdvs, e tamén se ofrecerá, por primeira vez un menú oficial, que se renovará cada ano, que darán 12 locais; composto por entrantes, merluza de Burela, polo e postres, todo elo aderezado por sabores da Época Romana. Tamén é a primeira vez que hai xogos galaicos para os máis pequenos e pequenas da casa, feitos tamén polas asociacións de Lugo.

Non faltará nesta edición o circo romano, o asalto ao Medulio, animación de rúa, con música, teatro, bautizos e vodas romanas e castrexas ou obradoiros. Tamén se realizará o nomeamento de Civitas Honoris e a recepción das distintas lexións e tropas. Como nos últimos anos, haberá un intérprete de signos para moitas das actividades.

Tamén, dentro dun municipio e dunhas festas libre de agresións, haberá espazos de información segura: no Concello, no centro de convivencia Uxío Novoneyra, na Oficina Municipal de Turismo e museo municipais.

“As e os lucenses saímos á rúa a demostrar que, ademais de ganas de festa, estamos orgullosos do noso pasado, das nosas orixes, estamos orgullosos de Lucus Augusti”, subliñou a alcaldesa na presentación. “É unha cita que coloca Lugo no mapa nacional e internacional da recreación histórica“, continuou Méndez, quen asegurou que esta festa define a un Lugo pensado por e para as persoas, que emprega espazos públicos que foron recuperados para o seu uso público, como o Cantiño Nemesio Cobreros, Praza Horta do Seminario, Praza de San Marcos ou o Vello Cárcere.

IMPLICACIÓN DOS LUCENSES

A rexedora insistiu na implicación dos lucenses, unha das peculiaridades destes festexos, “a que nos fixo conseguir o pasado ano ser Festa de Interese Turístico Nacional, e coa que intentaremos, traballando xuntos, o recoñecemento internacional.”

Vestidos castrexos durante o Arde Lucus / ardelucus.com

De feito, lembrou que, se o Arde Lvcvs se fixo grande estes 17 anos, foi grazas á participación, ben do o conxunto da cidadanía luguesa, de axentes sociais, de colexios, de clubs deportivos, organismo privados a través do patrocinio, Deputación de Lugo, e por suposto, das 17 asociacións de Lugo, entre elas, a Lugdunum, Terra Copora e Tig Na N`og, polo seu décimo aniversario.

DESCONTOS

Un ano máis ofrceranse descontos para os que se acheguen os días previos do Arde Lvcvs e durantes os festexos a Lugo nos autobuses Alsa, dende o 12 ao 19 de xuño, un 25% de desconto, e Arriva, os días 15, 16 e 17 de xuño, un 10%. Esta festa tamén estará presente nos distintos trens polo territorio nacional.

O Concello destina máis de 260.000 euros ao Arde Lvcs, que constitúe un escaparate de Lugo. Ademais, a entidade local repartirá máis de 15.000 carteis e 45.000 programas, 25.000 en galego, 19.000 en castelán, e, por primeira vez tamén en inglés, unha tirada de 3.000.

2 COMENTARIOS

  1. […] A edición 2018 comezará o venres 15 ás 16:00 horas, coa xa tradicional apertura simbólica das portas da cidade, a cargo da Guardia Pretoriana. Ese mesmo día terá lugar a entrada das lexións pola Ponte Romana, celebrarase unha ofrenda ás ninfas no Balneario, e disputarase, por segundo ano consecutivo, tanto o torneo de Harpastum como a carreira Muris Lvcis, romanos contra castrexos. Como novidades do venres, a Praza de Santa María acollerá un espectáculo sobre a fundación da cidade, no que participarán os colectivos de Lugo e que inclúe tamén danza e música romana, e a representación sorpresa Baixo a Sombra. Máis información aquí […]

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here