InicioCulturaDe cando García Lorca camiñou pola muralla de Lugo...

De cando García Lorca camiñou pola muralla de Lugo…

A editorial Alvarellos promove o Día de Lorca en Galicia por segundo ano consecutivo. Desta volta, a homenaxe realizarase en Lugo, cidade onde o granadino escribiu por primeira vez un dos seus 'Seis Poemas Galegos'. No acto, que se celebrará no hotel Méndez Núñez, proxectarase un documental que recolle algúns momentos do poeta en terras galegas.

PUBLICADA O

- Advertisement -

« Federico aparece na cidade nun día frío e chuvioso daquel outono lugués. Na mañá do día 22 un grupo de mozos intelectuais lucenses, entre os que sobresaían Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro e Francisco Lamas, lévano á tenda de gramolas de Luís Manteiga. […] Pola tarde, conversa animosamente na tertulia do Hielo-Bar […] De noite, mantén unha velada literaria con escritores mozos na casa de don Ramón Martínez López. Recita poemas inéditos seus e fragmentos de ‘Poeta en Nueva York’, animando a recitar e eloxiando, despois da lectura, a poesía do mozo Álvaro Cunqueiro. »

Así o contaba a mediados dos 90 o profesor Luís Pérez Rodríguez nun libro editado polo Consello da Cultura Galega. Era o relato da visita que fixera o poeta Federico García Lorca no ano 1932 á cidade de Lugo. Porén, o granadino xa coñecía as terras galegas: foi o 25 de outubro de 1916 cando pisou por primeira vez a Galicia da que pronto se había namorar. En lembranza desa data histórica e coa intención de afondar na relación do escritor coa nosa terra, a editorial Alvarellos promove o Día de Lorca en Galicia. A celebración deste ano será no hotel Méndez Núñez de Lugo, cidade “berce” dos Seis Poemas Galegos. 

Aquí foi onde Lorca lle deu forma escrita ao primeiro deses textos que produciu na nosa lingua. Henrique Alvarellos, principal impulsor desta cita e estudoso da figura do autor, ten contado que Federico García Lorca sorprendeu daquela os seus amigos escritores ao agasallalos cun manuscrito de ‘Madrigal á cidade de Santiago’. Entre eses compañeiros lugueses atopábase Ánxel Fole, quen máis tarde publicaría ese poema na revista Yunque, fundada por el mesmo.

IMAXES ÚNICAS DE LORCA EN GALICIA

Cartel do Día de Lorca en Galicia, celebración promovida pola editorial Alvarellos.

Fitos coma este converten a Lugo nunha cidade lorquiana e digna de acoller o segundo Día de Lorca en Galicia. Tampouco foi en balde a elección do hotel Méndez Núñez como espazo para dar cabida aos recordos do escritor. E é que, ao parecer, García Lorca hospedárase alí durante as dúas visitas que fixo á cidade das murallas, unha no 1916 e a outra no 32. Así pois, ás oito da tarde deste 25 de outubro, o hotel albergará o acto central da homenaxe. O propio Henrique Alvarellos estará presente para guiar o público a través da viaxe do poeta por Galicia. Non o fará tan só de palabra, senón que os asistentes poderán gozar dun filme único: imaxes en movemento de García Lorca en terras galegas. Trátase dunha breve cinta que documenta a xira que emprendeu o granadino a principios dos anos 30 coa compañía teatral La Barraca.

Ademais da proxección, este 25 de outubro presentarase un facsímile de Seis poemas galegos, unha edición a cargo de Alvarellos que vén acompañada de ilustracións. Como broche final, descubrirase unha placa conmemorativa para honrar o vínculo de Lorca coa cidade de Lugo.

MEMORIA HISTÓRICA

Mais con cada homenaxe a Federico García Lorca, asasinado no 1936 polo réxime franquista, tamén se homenaxea a memoria histórica deste país. Nunha entrevista desta mañá no Diario Cultural (Radio Galega), Henrique Alvarellos comentaba que, se cadra, o acto deste venres ten un significado máis simbólico ca nunca, xa que practicamente coincide no tempo coa exhumación do ditador Franco. 

Seguía así o relato de Luís Pérez Rodríguez recollido ao inicio da peza:

«  Saen da velada ás tres da madrugada e aínda teñen tempo para ir de ruada, paseando pola muralla, perdéndose entre a néboa nocturna e as voces apagadas dos últimos trasnoitadores. »    Pois que Lugo terme agora da voz de García Lorca. E que non se apague nunca.

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

O BNG reclama melloras da N6 no seu paso pola provincia de Lugo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha serie de iniciativas parlamentarias...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de...