InicioCulturaOliver Laxe, director de 'O que arde': "Filmar unha muller con tres...

Oliver Laxe, director de ‘O que arde’: “Filmar unha muller con tres vacas tamén é un xesto político”

O cineasta presentou a súa obra en Codex Cinema nunha tarde na que os lucenses superaron as mellores expectativas de asistencia, algo "complicado para películas coma esta". Laxe participou en coloquios e mesmo confesou o seu pequeno chasco no San Froilán: "As casetas do polbo xa non son casetas!"

PUBLICADA O

- Advertisement -

“Cando ves ‘O que arde’ é coma se vises os recordos da túa vida”. Así presentaba onte a película un dos responsables de Codex Cinema. Estas salas independentes de Lugo víronse desbordadas pola asistencia masiva de público durante toda a tarde. O filme xa se estreara o venres pasado, pero o ‘boom’ deste mércores 16 pode entenderse pola anunciada presenza do director, Oliver Laxe. As ringleiras de persoas sobrepasaron a entrada do local e prolongáronse polos soportais da praza Viana do Castelo. “Vén xente de Lugo, vén xente das aldeas…”, dicían xusto antes do pase das 20.30h. E Oliver agradeceuno.

‘O que arde’ está a acadar uns resultados marabillosos e “moi complicados para unha película coma esta”, valorou o director. Máis de 20.000 espectadores en menos dunha semana acreditan o éxito desta cinta íntima rodada en Navia de Suarna, alí onde Oliver Laxe ten as súas raíces. Fronte a historias “desalmadas” ou “de plástico”, el quixo asinar unha homenaxe á súa familia e a “un mundo que está morrendo”. Éncheo de rabia ver como a modernidade fai esmorecer o rural e as súas formas de vida.

UN FILME POLÍTICO

O director e mailo actor protagonista, Amador Arias, tiveron a ben participar en varios coloquios cos asistentes. Escoitaron preguntas, observacións, comentarios de agradecemento… e construíron debates sobre algunhas das cuestións reflectidas na película. “Eu creo que filmar unha muller con tres vacas tamén é un xesto político. Escoller precisamente iso de entre todo o que hai no mundo significa decidir que iso é importante“, declarou Oliver Laxe.

A viveza no intercambio de pareceres daba boa mostra da complicidade dos espectadores con todo o que rodea ‘O que arde’. A implicación do público foi tamén ben evidente mentres se visualizaba a cinta: algunhas mans das primeiras filas erguíanse rápidas ao descubrir na pantalla sitios dos Ancares que lles resultaban ben familiares, caras coñecidas entre os personaxes ou espazos concretos que evocan as edificacións do rural.

“AS CASETAS DO POLBO XA NON SON CASETAS!”

Daquela, esa sensación de proximidade foi unha constante antes, durante e despois da película. E é que xa na presentación, Oliver Laxe riu e fixo rir mentres falaba do polbo do San Froilán. “As casetas xa non son casetas!, son restaurantes!”, soltou, medio decepcionado.

Os aplausos soaron ben forte para premiar con entusiasmo un filme “galego e en galego” que xa é histórico. E non só por triunfar en Cannes —onde a corguesa Benedicta Sánchez deslumbrou—, senón por facelo tamén (e sobre todo!) aquí en Lugo.

Benedicta Sánchez: a vida de película desta muller do Corgo antes de ser unha estrela en Cannes

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de...

A muller de Lugo que denunciou á súa ex parella declara que tentaba forzala “todas as noites”

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este xoves o xuízo contra un home de...