A Semana de Cine de Lugo proxectará 130 filmes

112 proxeccións serán gratuítas e 18 terán "un prezo simbólico".

Presentación da 41 Semana de Cine de Lugo.

A 41 Semana de Cine de Lugo, que se celebrará do 21 ao 26 de outubro, proxectará un total de 130 filmes, das que cinco se inclúen na sección oficial.

A presentación da cita tivo lugar este martes no salón de Novas Tecnoloxías do Concello de Lugo, onde se mostrou tamén o cartel para esta edición, cuxas películas foron seleccionadas de tres produtoras.

O director da Semana de Cinema, Manuel Curiel, explicou que a selección das 130 cintas se produciu despois do ofrecemento de case 1.400 películas.

Das 130, destacou Curiel, “36 son filmes dirixidos por mulleres”, á vez que fixo fincapé nunha maior presenza de cinema español, “un 70 por cento” dos títulos, abundou.

Pola súa banda, o presidente de Fonmiña, o grupo fotocinematográfico co que arrincou esta semana en 1979, Xulio Xiz, agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia, Deputación, Concello e USC, con representantes na presentación, e que participan no orzamento para esta edición de 65.000 euros.

Xulio Xiz avanzou, ademais, que para esta edición pensouse nun Paseo do Cinema que irá desde a Avenida da Coruña ata o Auditorio Gustavo Freire.

HOMENAXE

Con este paseo perséguese tributar unha homenaxe a “lucenses ou galegos que foron importantes para o cinema en xeral”, indicaron, para incluír aí a actores como Eduardo Fajardo, Manuel Lorenzo ou Rosario Durcal.

Á súa vez, adiantou a publicación de catro libros, que se entregarán en distintos pases no Vicerreitorado, no Auditorio ou na Biblioteca provincial. Un será o programa; outro, sobre os carteis da Semana, ademais doutro sobre Antonio Mourelos, o actor lucense ao que se agasalla este ano. Unha última publicación referirase a “históricos da fotografía” de Lugo, engadiu.

Do total de películas, das 130, a “maioría”, 112, terán os seus pases serán gratuítos e 18 terán “un prezo simbólico”, puntualizou Xulio Xiz. Mentres, a concelleira de Cultura, a nacionalista Maite Ferreiro, que se confesou unha “cinéfila”, celebrou que en Lugo se vaian a proxectar “películas que non son fáciles de atopar” no circuíto comercial.