Un espectáculo único “e sen subvencións” para celebrar os 40 anos do Festival Pardiñas

Intre da XXIV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional do Festival de Pardiñas de Guitiriz, organizada pola Asociación de Gaiteiras Galegas (AGG)
Intre da XXIV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional do Festival de Pardiñas de Guitiriz, organizada pola Asociación de Gaiteiras Galegas (AGG)

Susana Seivane, Kevin Weatherill, Pepe Vaamonde, Sito Carracedo, Antón Reixa, Uxía, Xosé Manuel Pereiro e Xurxo Souto protagonizarán o domingo 4 de agosto o espectáculo único “Cantando as corenta”, para celebrar o corenta aniversario do Festival Pardiñas de Guitiriz (Lugo).

Unha función de tres horas de música e baile que resume os fitos máis destacados da historia do Festival na que os solistas de estilos diversos estarán acompañados por unha banda de once instrumentistas, conformada por músicos que actuaron algunha vez en Pardiñas.

Esta edición especial do Festival de Pardiñas, que terá lugar entre os días 2 e 4 de agosto, foi presentada este mércores polos propios Xurxo Souto, Antón Reixa e Susana Seivane. No acto, o representante da asociación organizadora Xermolos, Alfonso Blanco, subliñou que a preparación deste festival durante corenta anos “foi un esforzo grande“, no que nunca tiveron “eses paraugas de subvencións” senón que fixeron “Pardiñas co esforzo, a loita, o traballo e o tesón”.

“SOLIDARIEDADE”

O cantante Antón Reixa destacou que esta cita “é un tesouro” no que a música se mantén con diversidade, vinculada sempre á festa e á solidariedade” e apuntou que en Pardiñas tamén se fan mostras relevantes “que teñen que ver coa artesanía e a construción de instrumentos”.

Susana Seivane adiantou que no espectáculo exclusivo “Cantando as Corenta” terá o pracer de cantar a súa versión da canción dos Diplomáticos “Eu quero ser ghaiteira”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here