Muimenta será a capital dos xogos tradicionais de Galicia

Esta fin de semana celebra a XI Xotramu.

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, na presentación xunto coa Asociación de Xogos Tradicionais de Muimenta (Xotramu) | Deputación de Lugo

Muimenta será o centro dos xogos tradicionais de Galicia esta fin de semena. Alí terá lugar a XI Festa de Xogos Tradicionais de Muimenta (XOTRAMU). Trátase da única festa en Galicia dedicada a este tipo de xogos que terá lugar o domingo 2 de xuño no Campo da Igrexa Vella.

Así, desde as 15:00 horas ata as 20:00 haberá exhibicións dun cento de xogos tradicionais como son a billarda, os birlos ou tirapedras. Organizarase tamén unha xincana de xogos populares e un campionato de bolos. Os máis cativos poderán desfrutar de xogos tan populares como as carreiras de sacos, o brilé, o aro, a comba, as catro esquinas ou agocho entre outros moitos.

O encontro contará con varios obradoiros nos que aprender a construír xogos con, por exemplo, cortizas. Ademais, o músico e artesán de Carballo, Pablo Carpinteiro, realizará demostracións de instrumentos musicais tradicionais de Galicia. Esta xornada de ocio vai dirixida a familias, cativos e demais persoas interesadas en coñecer e revivir estes antigos xogos da infancia. Todas estas actividades serán de balde.

O Deputado de Turismo en funcións, Eduardo Vidal Baamonde, participou este xoves na presentación da xunto aos membros da Asociación de XOTRAMU, José Lombardero e Rosa Morán. A Deputación colabora coa promoción deste evento cultural e turístico achegando case 1.200 euros.

Os visitantes tamén poderán visitar o recén estreado Museo das Zocas que conta con 40 tipos de zocas e instrumentos típicos deste oficio, moi típico da zona na que aínda viven 8 profesionais da zoca, 4 en activo e 4 xubilados.

Neste conxunto etnográfico destaca tamén un antigo banco de traballo de zoqueiro e un carro restaurado e cargado con troncos de bidueiro no que trasladaban a madeira. A mostra complétase con fotografías do proceso de elaboración das zocas e tamén dos oito zoqueiros desta localidade.

XOTRAMU

A Asociación de Xogos Tradicionais de Muimenta naceu para a recuperación este tipo de xogos antigos e populares. Dende o ano 2008, Xotramu organiza a xornada de xogos tradicionais no Concello de Cospeito, que conta coa participación de asociacións de toda Galicia, Asturias e Portugal. Unha das metas desta entidade é que a Festa de Xogos Tradicionais sexa declarada Festa de Interese Turístico Galego.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here