Avelino Díaz será lembrado como poeta emigrante no 121.º aniversario do seu nacemento

Os historiadores Ramón Villares e Miguel Anxo Seixas impartirán ponencias na xornada cultural de homenaxe ao autor que se celebrará o 8 de decembro en Meira

José Luis Lourido, tenente de alcalde de Riotorto, Antonio de Dios, alcalde de Meira, Federico Cachafeiro, presidente da Asociación Avelino Díaz, e Araceli Pillado, vicepresidenta | Vanesa G. Lourido
José Luis Lourido, tenente de alcalde de Riotorto, Antonio de Dios, alcalde de Meira, Federico Cachafeiro, presidente da Asociación Avelino Díaz, e Araceli Pillado, vicepresidenta | Vanesa G. Lourido

Vanesa G. Lourido – Xornal da Mariña | A Asociación Cultural Avelino Díaz presentou este martes o programa de actos para conmemorar o 121 aniversario do nacemento do poeta no lugar da Travesa, en Riotorto.

A emigración, que define a biografía do autor e que marcou a súa obra poética e xornalística,  centrará a xornada cultural que preparan para o vindeiro 8 de decembro na Casa da Cultura de Meira.

Os historiadores Miguel Anxo Seixas,  coordinador do Arquivo da Emigración Galega,  e Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, impartirán dúas ponencias sobre a emigración e o exilio galegos en Bos Aires, onde o autor viviu desde 1921 ata a súa morte en marzo de 1971.

O presidente da Asociación, Federico Cachafeiro, destacou a erudición dos ponentes cos que, engadiu, se ampliará o coñecemento da“personalidade cívica e literaria” de Avelino Díaz.

Música e poesía

Ademais dos relatorios, a xornada contará coa presenza de creadores locais.  O músico David Rodríguez interpretará diversas pezas durante o acto no que tamén se escoitarán os recitais poéticos de María José Fernández e Xesús Castro Yáñez, que compartirán a obra propia e a do autor homenaxeado.

Día das Letras Galegas

Na presentación do programa cultural, Cachafeiro confirmou que a entidade volverá presentar a candidatura do poeta para o  Día das Letras Galegas de 2019.  Será a terceira ocasión na que a asociación solicite a distinción para o autor, co apoio de colectivos culturais e institucións dos concellos de Riotorto e Meira.

O presidente da entidade subliñou que este recoñecemento era tamén un desexo do escritor Xosé Neira Vilas,  a quen lembrou como o“gran valedor” de Avelino Díaz en Galicia, onde a súa obra apenas tivo difusión.

A creación da asociación en decembro de 2014 rescatou do esquecemento a figura do escritor e xornalista, que gozou dun amplo recoñecemento da comunidade galega en Arxentina e que foi nomeado académico correspondente da Real Academia Galega.

A asociación traballa na reedición do libro “Avelino, unha voz comprometida coa Galicia emigrante” da mestra e investigadora Maribel Freire, que recolle unha detallada biografía do autor e algúns dos seus poemas.

Obra 

“Debezos”, “Pallaregas” e “Flor de Retama”, autoeditados,  “11 poemas a Castelao”, editado póstumamente, e “14 poemas”, unha edición crítica coordinada por Benigno Fernández Salgado das composicións que o autor enviara a Filgueira Valverde para unha antoloxía poética, completan a obra publicada de Avelino Díaz.

Os investigadores sinalan que quedan uns 850 poemas dispersos aínda inéditos ademais de decenas de artigos de prensa, conferencias, obras de teatro e traducións ao castelán, portugués e italiano.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here