InicioComarca de Meira“Nos rallies, a concentración é o que diferenza aos campións”

“Nos rallies, a concentración é o que diferenza aos campións”

Con seu irmán Diego, Sergio Vallejo (Meira, 1967) forma unha parella temible para as escuderías de rallies, “os lobos”. Campión de España no 2009 e no 2014, o piloto meirego ostenta un sobresaínte palmarés que non lle fai durmirse nos loureiros: nos últimos anos, tras gobernar o asfalto, está a probar sorte na terra.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Cando comezou a túa paixón polo motor?

Desde moi pequeniño. Meu pai levábame á Subida Ao Veral, unha proba que había aquí en Lugo. Sempre me gustaron os coches de carreiras e sempre foi o meu soño, pilotar un.

Teu irmán é o teu copiloto e foino durante boa parte da túa carreira. Polo que me contas, viña de familia?

Meu pai era mecánico de carrocetas de madeira e gustáballe moito o mundo do motor e dos coches. Pero nunca puido correr, aínda que seguro que si que lle gustaría. Así que tiven eu o privilexio de cumprir ese soño.

Na provincia de Lugo hai paixón polos rallies. Está o San Froilán, a Subida á Pontenova, o Rally da Ulloa, a Subida a Chantada.

Desde logo. Da provincia saíron grandes pilotos: Pedro BurgoAdrián Díez… Por citar só un par de nomes. Hai comunidades autónomas con máis poboación que non sacaron tantos pilotos así de rápidos. Quizais agora non é o noso mellor momento, pero Lugo foi unha potencia neste deporte, sen dúbida.

Cando te decataches de que podías ser un piloto de elite?

Non lembro realmente un momento. Sempre tiven en mente esa posibilidade e traballei para iso. Quizais cando gañei o Desafío Peugeot, no 1994. O premio era ser piloto oficial e ata daquela compaxiñara a miña afección cos meus traballos.

Quenes eran os teus referentes?

Fixábame en Carlos Sainz ou Chus Puras, nos que gañan (risas). Tiven a posibilidade de achegarme un pouco a eles e é moi frutífero, aprendes moito.

E cal foi o momento máis doce da túa carreira até agora?

O segundo campionato de España, no 2014. Podes imaxinar a ilusión que me fixo o primeiro, no 2009, pero daquela conseguino con máis medios, polo que para min o segundo foi máis meritorio e por iso máis gratificante.

Como cambiou o teu deporte nas últimas décadas?

Pois por un lado os coches melloraron moitísimo a nivel técnico. Iso é indubidable. Pero por outro todo o que rodea aos rallies está en certo declive. Antes as marcas construtoras, que fabricaban coches cun custo elevado, apostaban por facer equipos propios cos que se promocionase o seu nome. Hoxe xa non pasa, son spónsores.

O cambio económico neste deporte comezou arredor do 2000 e fíxose máis acusado entre 2005 e 2008. Hoxe non hai verdadeiros pilotos oficiais, cun salario fixo que provén dunha marca. A xente nova teno complicado, porque hai que atopar patrocinadores.

Como se consegue?

É difícil, e converteuse nunha parte do traballo do piloto. O ser capaz de transmitir esa paixón que ti tés para que unha marca aposte o seu diñeiro por ti.

O piloto de Meira Sergio Vallejo nunha carrreira de rally / FB Vallejo Racing

Tes apoio institucional?

Hai unhas axudas da Deputación de Lugo que están moi ben, son abertas e están enfocadas a unha variedade de deportes. Iso desde logo axuda moito, pero no noso deporte dependemos sobre todo de patrocionadores privados. E temos moitos seareiros, pero non se cobra nas carreiras e non é doado traducir a afección desa xente a financiamento.

Como dis, os rallies teñen afeccionados numerosos e tamén fieis, que moitas veces fan desprazamentos de importancia para seguir as carreiras.

Sen dúbida. Metemos tanta xente ou máis nunha carreira ca nun partido de fútbol de Primeira División. Temos un público fiel e creo que os rallies son para eles un deporte agradecido. O feito de sentarte en plena natureza cos teus amigos, esperar o paso dos pilotos… É un ritual moi bonito e quen vai repite.

Falta recoñecemento mediático?

Eu penso que si, que non temos o mesmo espazo ca outros deportes.

Contáchesme o que engancha a un seareiro. Que motiva a un piloto?

Pois é un deporte moi completo, esixente física e mentalmente. Traballamos a fortaleza nos ombros e o pescozo, pero dependemos moito da concentración. Pensa que un erro dun futbolista pode ser un gol, e que un fallo noso pode supoñer un accidente, cun prexuízo para a nosa saúde e tamén económico para o noso coche, a nosa ferramenta de traballo.

Logo, ter ao lado un copiloto é algo especial. Sempre digo que o mérito é o mesmo, dun e doutro. Cando un copiloto le ben o percorrido e o anticipa, e o piloto vai focalizado e centrado en conducir, cando funciona esa engranaxe, competir é unha pasada.

Dada esa necesidade de concentración, como traballades ese aspecto nos adestramentos?

Traballamos os reflexos con simuladores de condución que cada vez son mellores e máis completos. Eu levo moitos anos competindo, pero quixen estar nese sentido ao día desde o principio e sempre os utilicei moito. No noso deporte temos que usar a tecnoloxía, non podemos recelar dela.

Imaxino que, debido a esa presión, a que cometer un erro pode ser fatal, debedes precisar dunha gran fortaleza mental.

Para min, iso é o que diferenza aos mellores pilotos. Esa capacidade de controlar os nervios e concentrarse.

Nos últimos anos cambiaches o asfalto pola terra. Que se presenta no horizonte?

Pois a semana que vén temos proba do Campionato de España de terra, o Rally Ciudad de Pozoblanco. O ano pasado gañamos esa mesma carreira na categoría de propulsión, para vehículos de tracción traseira, en 2018.

Algún soño por cumprir?

Gustaríame correr o París Dakar, como fixo meu irmán. Sería un soño, pero se antes falabamos de que escaseaban patrocinadores, hai que pensar que esta é a proba máis cara. Con sinceridade, véxoo xa moi difícil.

FOTOS: WIKIPEDIA/FACEBOOK VALLEJO RACING

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...