A viticultura galega controlará dende o móbil o estado das vides

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) desenvolve unha app móbil con información fitosanitaria para a vide a tempo real

Vides en Negueira
Vides en Negueira

ANA BELÉN FERNÁNDEZ | AppFitoVit é unha aplicación para telefonía móbil con información fitosanitaria para a vide a tempo real. O proxecto desenvólveo a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), dentro das liñas estratéxicas de investigación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e está financiada nun 75 por cento con fondos Feader ao abeiro da convocatoria de accións de cooperación.

Este proxecto piloto presentouse durante a xornada técnica ‘Financiamento e logros na innovación do sector vitivinícola galego’, que se celebrou no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte. A iniciativa dá resposta a unha vella demanda do sector vitivinícola galego de contar cun sistema de avisos climatolóxicos e fitosanitarios homologable para toda Galicia, podendo predicir enfermidades provocadas por fungos como o mildiu e evitar  as perdas económicas derivadas destes fenómenos.

A aplicación AppFitoVit desenvolverase en tres fases. Na primeira, que se prevé rematar no ano 2019, establecerase unha rede interna entre técnicos e entidades para deseñar e validar a estrutura da aplicación móbil. Nunha segunda fase comprobarase a validez dos datos climatolóxicos, edafolóxicos e fenolóxicos manexados e comezará a emisión de boletíns de avisos fitosanitarios territorializados de forma interna. A terceira e última fase é que o sector poida dispor deste servizo de balde.

Segue a actualidade do sector da viticultura da Ribeira Sacra no Xornal de Lemos

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here