O PP segue o xogo a Martínez cun acto non oficial na residencia da Fonsagrada

Representantes do Partido Popular acompañaron ao presidente de Suplusa na entrega de chaves da residencia, en ausencia das autoridades locais e provinciais

O presidente de Suplusa e deputado non adscrito, Manuel Martínez | Óscar Bernárdez
O presidente de Suplusa e deputado non adscrito, Manuel Martínez | Óscar Bernárdez

Manuel Martínez, presidente de Suplusa, estaba disposto a continuar coa axenda pública da sociedade lucense do solo a toda costa. Pouco importaba a retirada das encomendas de apertura das residencias da terceira idade, ou o feito de que a escritura pública do centro da Fonsagrada pasara do Concello á Deputación. As chaves serían entregadas este venres, aínda que non estivesen presentes o resto de autoridades.

Que os socialistas evitasen comparecer a un acto desta clase canda a Martínez, expulsado do partido, era un exercicio de escasa altura política. Un novo desplante nun evento de cortesía representa pobremente ás autoridades locais e provinciais. Con todo, a escenificación do deputado non adscrito e rexedor de Becerreá contou coa presenza de representantes do Partido Popular, ledos de poder airear as disputas internas do partido que goberna na Fonsagrada e na Deputación.

Con toda naturalidade, cinco emisarios populares acompañaron a Martínez na visita ás instalacións residenciais Rois, orzamentadas en 2,1 millóns de euros a cargo da administración provincial. Alí non estaban nin o presidente da Deputación nin o alcalde da Fonsagrada, as dúas autoridades que xa inauguraran o edificio en 2015.

Evidentemente, o enfado nas filas do PSdeG é importante. O alcalde fonsagradino e vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, cualificou de “despropósito” o “asalto” dos representantes do Partido Popular, liderados polo presidente da formación na localidade, José Luís Regueiro, e catro deputados provinciais, José Pardo, José Antonio García, José Ulla e Jesús Carreira, estes tres últimos parte do Consello de Administración de Suplusa –que socialistas e nacionalistas abandonaron hai meses–.

Para Fernández Queipo, “a entrega das chaves da residencia a alguén que non é o seu titular, loxicamente é un esperpento”. O rexedor da Fonsagrada reiterou que Suplusa ten que entregar as chaves á Deputación de Lugo, titular do inmoble, para que se realicen as xestións oportunas antes da apertura do centro adicado á terceira idade.

1 COMENTARIO

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here