Volven reclamar un GES propio na Fonsagrada logo da tardanza para excarcerar o camioneiro ferido

O grupo popular denuncia que "non se está dando unha resposta adecuada" ás situacións de emerxencia no municipio.

Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) | ALX

EFE | O Partido Popular da Fonsagrada sostén que “as tres horas” que duraron os “traballos de excarceración dun camioneiro” accidentado “demostran a necesidade” de volver contar cun Grupo de Emerxencias Supramunicipal -GES- neste municipio lucense.

O accidente rexistrouse o martes, ao envorcar un camión cargado de madeira e quedar atrapado durante varias horas na cabina o condutor, un home de 54 anos con residencia en Asturias, que foi liberado con axuda dos Bombeiros de Sarria e evacuado posteriormente en helicóptero ao HULA.

O portavoz do PP na localidade, José Regueiro, agradeceu a “colaboración do persoal sanitario, dos veciños e dos traballadores municipais”, pero lamentou as “deficiencias” da administración local no relativo á atención ás emerxencias.  Nese sentido, lembrou que o persoal municipal “non conta cos medios nin cos EPIs adecuados para levar a cabo este tipo de traballos”.

“O goberno local despediu ao persoal do GES, asegurando que se faría cargo de atender ás emerxencias, pero estamos a ver que non se está dando unha resposta adecuada”, engadiu. De feito, o propio Regueiro reiterou en febreiro a súa petición ao goberno local para solicitar formalmente a creación do GES.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here