InicioMedioambiente e PatrimonioRicardo Polín: “No Camiño Primitivo prima a visión comercial sobre a identidade”

Ricardo Polín: “No Camiño Primitivo prima a visión comercial sobre a identidade”

Un cuarto de século despois de bautizar a ruta xacobea, o filólogo e historiador cualifica de fraude o papel da administración

PUBLICADA O

- Advertisement -

Ricardo Polín, natural de Castroverde, é doutor en filoloxía e historiador, mais sobre todo é recoñecido coma o pioneiro da documentación das vías de peregrinación a Compostela. Dende comezos dos noventa tivo un papel fundamental na mobilización que remataría co recoñecemento do Camiño Primitivo coma Patrimonio da Humanidade en 2015. Nun intre en que esta ruta volveu ao centro do debate político, cómpre coller perspectiva e repasar a súa pegada material e inmaterial.

Cando comeza a adicarse ao estudo do Camiño?

Podemos fixar unha data relevante, a finais dos anos oitenta, cando eu estou a iniciarme no mundo da investigación. O tema do Camiño vén vencellado con outras actividades miñas que teñen que ver coa interpretación do territorio, a recollida directa de información que proporciona a terra. No terreo da miña investigación adoito a moverme en dous campos, o filolóxico e o histórico.

Nesa órbita os Camiños históricos proporcionan unha información fundamental: son a comunicación co mundo, vertebran e organizan o territorio e os asentamentos de poboación. Mesmamente modifican os modos de comportamento da xente.

Coincidiu, a finais dos anos oitenta, co emerxer en toda Europa da posta en valor da camiñería histórica, os camiños que veñen dende tempo inmemorial. E concretamente no noso país coa gran promoción e resurrección dos Camiños Xacobeos, que non son máis que o aproveitamento como camiños de peregrinación das vías asentadas no tempo, dende os viais castrexos, as calzadas romanas e os camiños reais.

A comezos dos noventa volqueime fortisimamente polo contrapeso que facía a administración. As reticencias para pór en valor os camiños que ostentaban unha tradición cultural e histórica forte. Practicamente facíase unha promoción en exclusiva do que se deu en chamar o Camiño Francés, o camiño da meseta; e o resto da camiñería histórica que vertebraba o conxunto do país considerábase coma inexistente.

“cando máis protexidos están os Camiños é cando máis agresións se teñen producido”

Houbo que loitar fortisimamente pola denominación do Camiño Primitivo. Esta denominación do primeiro camiño histórico a Compostela, denominación que propuxen eu mesmo como denominación estándar de Camiño Primitivo, é absolutamente fundamental coma marca, coma seña de identidade. A administración galega sempre se negou a admitila oficialmente, e na Lei de Defensa dos Camiños de Santiago –aprobada por unanimidade no Parlamento– nin tan sequera figura.

Sempre partín de que o fundamental era o estudo, a investigación rigurosa. Había que achegar fontes de información, documentar a traza histórica dos camiños. Ese labor arduo foi feito pouco a pouco, e neste momento teño un verdadeiro museo ao respecto; habería que plantexarse onde ficaría depositado todo este material. É un labor intenso, multidisciplinar, apaixoante, que me ten producido unha visión do conxunto da nosa cultura e o noso patrimonio, vencellando os elementos da cultura humana, e do que non me arrepinto.   

Hai moitos valores materiais e inmateriais que xa desapareceron, neste cuarto de século. Precisamente cando máis protexidos están os Camiños é cando máis agresións se teñen producido, tanto dende a administración como dende iniciativas privadas.

A filoloxía tivo un papel moi importante, dende a primeira denominación da Xunta como Camiño da Fonsagrada ata aquela asamblea de Castroverde de 1992.

Temos que partir de que isto montouse orixinariamente coma unha operación de marketing. Os nosos políticos sempre valoraron máis o envoltorio comercial ca a visión de posta en valor da nosa identidade, do noso patrimonio cultural e espiritual no senso amplo da palabra. Estabreceron unha competencia localista, ridícula, con efectos negativos moi fortes. A achega do mundo filolóxico, o que se chama no estudo histórico a odepórica, a cultura da xente que camiña dende que existe a humanidade, coas pegadas que vai deixando. Quedan rastros da nosa construcción coma pobo.

Sempre me pareceu esencial, malia que os equipos técnicos seguen sen facer, o traballo de campo de recollida de información secular. A toponimia histórica dos camiños é indispensable para delimitar a súa traza. Témonos atopado con camiños adulterados no tempo por non ter respectado traballos moi rigurosos dende o punto de vista filolóxico. Nicandro Ares lembraba esta cuestión.

“prima a visión comercial e a promoción exclusivamente turística”

Nun artigo que compartín na revista Lucensia marcabamos perfectamente, dende o punto de vista lingüístico, a traza histórica do Camiño Xacobeo, que tiña mil anos, pero como camiño histórico procedente da Vía XIX tiña dous mil. Era un camiño de palabras, asentado no tempo; iso non se quiso respectar e segue sen facerse así, porque prima a visión comercial e a promoción exclusivamente turística e política desta cuestión.

Temos que replantexarnos a onde nos pode levar nun futuro non tan lonxano. A denominación de Camiño da Fonsagrada, totalmente ridícula, ía nesta liña de promover unha visión unívoca dun único Camiño Xacobeo procedente de Castela desde o Cebreiro; e o resto do territorio, que achegara patrimonio cultural previo, non existía.

A recollida de cultura inmaterial, de pegadas que quedaban nos camiños, é un aspecto no que coxean os estudos actuais, que están enfocados ao marketing turístico.

Como ve, tantos anos despois, a mobilización da Fonsagrada para que se recoñecera o Camiño Primitivo?

No camiño de volta, na vista atrás, ollo con moitísima simpatía todo aquel movemento. Aínda que foi un movemento que se soubo organizar intelixentemente, estabelecendo contactos intensos con xente do exterior, e na que foi moi importante a achega do movemento que se producía en Asturias. Hai que pensar que o Camiño nace coa corte asturiana coma un proceso de reconquista, onde o Camiño é unha clave esencial de carácter político e relixioso, para crear un centro espiritual no norte.

Mirador de Montouto, na Fonsagrada, preto da traza do Camiño Primitivo | Turismo de Galicia
Mirador de Montouto, na Fonsagrada, preto da traza do Camiño Primitivo | Turismo de Galicia

Sentíase decepción polo que se estaba a producir no noso territorio e iso foi moi ben aproveitado nun movemento moi amplo ao longo de todo o Camiño, con xente moi valiosa, moi traballadora e cunha visión intelixente do que tiña que ser o futuro. Vexo unha idea do que isto tiña que ser, que aparece contemplado na Lei de Protección: a cualificación coma Ben de Interese Cultural coa categoría de Territorio Histórico.

Sempre valorei esa definición polo elemento activador de cuestións esenciais, para revitalizar a cultura rural e o interior do país, que xa tiña unha crise demográfica e social intensa. A concienciación sobre a nosa propia cultura pasaba por poñer en valor todo o que esmorecía na nosa paisaxe, creando unha concepción moderna da protección do patrimonio e enraizar coa cultura europea.

Cando miro dende hoxe en día vexo a gran fraude que se ten producido dende a administración. Vexo que a única valoración, a polarización exclusiva, é arredor do número de peregrinos e os beneficios que deixan na empresa privada, sobre todo. Como mudaron as cousas.

Hai cuestións esenciais que promoviamos, coma a recuperación dos cascos históricos e dos lugares vencellados ao Camiño. Eses cascos están 25 anos despois esmorecidos, incluso peor, que no momento en que comezou este proxecto. Que explicación ten que non se teña promocionado a recuperación da traza medieval do Camiño Primitivo pola Pobra de Burón, capitalidade histórica da Fonsagrada? Nin un só albergue oficial nun cuarto de século, primando os lexítimos intereses da vila da Fonsagrada. Mais non ten ningún tipo de explicación para deixar esmorecer a entrada a Galicia arredor da fortaleza de Altamira.

“Que explicación ten que non se teña promocionado a recuperación da traza medieval do Camiño Primitivo pola Pobra de Burón?”

Exactamente o mesmo acontece no núcleo histórico de Castroverde, onde se falsificou completamente a traza histórica. En Lugo é absolutamente inconcebible que no Camiño Primitivo, columna vertebral do paso pola cidade, non se aproveitara a pór en valor a zona da Tinería e o Carme.

Eu teño fotografías do intre en que os guindastres se puxeron sobre a calzada empedrada do Camiño Primitivo, na vía romana que baixa ao Miño. Hoxe xa non existe o empedrado e aquelo é unha silveira, nunha contorna na que puido salvarse o que era o deseño arquitectónico da entrada polo Carril das Flores. Os muros de pedra conservábanse cando era alcalde García Díez e xa non existe ningún.

Hai algo máis dun ano, acompañado do historiador Abel Vilela, presentamos un proxecto con cen medidas para poñer en valor o Camiño coma BIC. Entre outras cousas elementais, indicabamos que as fontes ao paso tivesen auga, e están todas practicamente sen auga. Na recente marcha na que actuei de guía, dende a Igrexa de Santiago de Castelo ata a Porta de San Pedro, contei un cento postes de luz e telefonía no propio Camiño, nese último quilómetro.

É un sabor agridoce cando ves o que pode ser e o que queda por facer. Xogamos con materia que non sempre é renovable. A tala do carballo da Chanca, varios veces centenario e que marcaba a conexión do Camiño Primitivo co enlace do Camiño da Costa, non é rexerable. Xogamos coa simboloxía.

Para min foi moi gratificante ver que, cando eu comecei os estudos, non pasaba un só peregrino polo Camiño Primitivo; pero que cando fixen os primeiros sinais, as frechas amarelas, e o seguinte verán vin pasar peregrinos camiñando, foi algo que me impactou.

Ruta cara a San Romao da Retorta, no Camiño Primitivo ao seu paso pola Fonsagrada
Ruta cara a San Romao da Retorta, no Camiño Primitivo ao seu paso pola Fonsagrada

Hoxe en día ver que ese Camiño é Patrimonio da Humanidade, que ten que ser especialmente coidado, cunha capacidade de manterse de cara ao futuro, é gratificante. Pero non se está a actuar de xeito paralelo na súa defensa como patrimonio sustentable nos seus valores; sobre todo se deturpa, se devalúa construíndo un sucedáneo do camiño histórico, copiando o que fixeron outros países europeos.

A reconstrucción é outra cousa. Isto é un camiño espiritual, cunha forte pegada no ánimo da xente. A xente camiña porque vén sobre un camiño que foi camiñado polos nosos devanceiros dende tempo inmemorial. Esa forza mantivo o Camiño vivo durante séculos. Se queremos que siga a funcionar, ten que funcionar sobre ese mesmo espírito. Os beneficios comerciais van pasar, a burbulla pode pinchar, e lembrarémonos do que perdemos.

Será abondo coa aportación unida dos colectivos como o que recobra, nos Ancares, a Vía Romana XIX, ou sen as administracións será imposible valorizar o Camiño?

Compatibilizar os dous intereses non é doado. Quero ser pragmático nas análises. A denominación orixinal do Camiño Primitivo foi recorrida porque non se adaptaba á recuperación da traza histórica. E a propia administración opúxose ao recurso, que fíxose con fondos propios. A xustiza lavouse as mans simplemente co argumento de que era unha decisión administrativa, de carácter político. Iso tira por terra a Lei de Protección e a consideración da Unesco dos bens culturais.

Eu valoro o esforzo destes colectivos porque van á contra. A memoria é un valor esencial que ten repercusións para o progreso económico e o desenvolvemento dos pobos. Esa memoria non se pode aviar, pérdese. As xeracións centenarias que mantiñan a memoria perfecta dos últimos camiñantes xa non existen. E aqueles camiñantes mantiñan a memoria dos seus avós e bisavós. Hoxe a sociedade camiña a velocidades de vertixe, perdemos cada día cantidades inxentes de información. Hai que ser moi sensible neste senso.

A Vía XIX, coma os camiños de segadores, os de arrieiros, os viais de acceso ás croas castrexas, a estrutura das nosas aldeas está totalmente deteriorada polo proceso de concentración parcelaria. Un dos exemplos máis claros do desprezo do carácter propio dos camiños históricos é o que se lle permitiu facer á Axencia Galega de Turismo coas obras no Camiño nestes últimos dous anos. É algo que nunca pensei que acontecería diante da pasividade de organismos públicos coma a Unesco: meter excavadoras para urbanizar, meter formigón con cunetas, esplanados e recheos modernos coa escusa de adecentar e pór en valor.

Os peregrinos que chegan dende Taiwán ou Corea din que están cansos de pisar o asfalto, queren primitividade, procuran o camiño tradicional, coa vexetación e a arquitectura anexa, ter información ao paso da cultura inmaterial e dos hospitais e leproserías, facer visible a toponimia tradicional. Son cuestións nas que non hai que investir moito diñeiro. E precisamente estanse facendo grandes actuacións porque simplemente producen beneficios de carácter especulativo, cando as requeridas son sinxelas e producen valor engadido.

 

“A toponimia é solidaridade interxeracional”

Á alcaldesa de Lugo propuxemos recuperar a toponimia urbana tradicional ao paso do Camiño polo centro: o Burgo Novo, o Vello, o Carboeiro. Ao igual do que sucede en Pontevedra, incluír nas placas os nomes anteriores é un xeito de lembrar aos cidadáns que o camiño que pisan é algo herdado. É solidaridade interxeracional, temos a obriga de trasladalo. Ese é o meu interese nos camiños.

Dicía Manuel Gallego Jorreto, fabuloso arquitecto noso, que un camiño é todo: unha vida, un xeito de ser e de ver o mundo, unha traxectoria. Resume todo. Temos que ser coidadoso coas actuacións que promovemos pensando unicamente no inmediato. Hai que facer un chamamento ás asociacións de carácter xacobeo, que se aburguesaron, que acabaron viciando a súa actividade preocupándose por cuestións aleatorias.

E tamén  hai que lembrar a que as medidas localistas van contra o propio Camiño: medraron por oito ou por dez o número de peregrinos que saen de Lugo, pero os camiños de peregrinación son de longo percorrido, vertebran Europa e foron un elemento clave na súa construcción.

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...