A Deputación retoma o control da residencia da Fonsagrada tras o “paripé” de Martínez e do PP

O rexedor da localidade e vicepresidente provincial, Argelio Fernández, anunciou que se cambiaron as chaves do centro en cumprimento á legalidade tras o “paripé” que montaron o díscolo Martínez e deputados do PP.

Operario da Deputación de Lugo cambian as chaves da residencia da Fonsagrada / Deputación de Lugo

O Vicepresidente e Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, informou este martes que a Deputación recuperou a residencia e centro de día da Fonsagrada, logo de que a Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA), que dirixe o deputado expulsado do PSOE Manuel Martínez co apoio do PP, desobedecese as ordes de entregar as chaves deste centro de atención a maiores á administración que ten a propiedade do edificio, que é a Deputación de Lugo. Neste senso, o Executivo Provincial está a analizar as posibles accións xurídicas de responsabilidade.

Fernández Queipo explicou que o ente provincial actuou en cumprimento dun decreto datado o día 14 de agosto de 2018. Por iso, procedeu ao cambio das chaves do edificio da Residencia para que os servizos responsables poidan accedan aos inmobles, comprobar a situación actual e iniciar os trámites para a apertura en cumprimento do convenio de cooperación existente entre a Deputación e o Concello.

O tamén alcalde da Fonsagrada apuntou que o Goberno da Deputación decidiu, “en estrito cumprimento da legalidade”, facer este cambio de chaves logo do “paripé” montado por Martínez e 4 deputados provinciais do PP que se achegaron ao municipio fonsagradino a “sacarse unha foto e a pasearse por unha residencia que non é da súa titularidade”.

A Deputación ordenou a SUPLUSA a través de 3 requirimentos, con datas 19 de abril, 5 de xullo e 1 de agosto, a entrega das chaves da residencia da Fonsagrada á Deputación de Lugo. “É a administración provincial quen ten a titularidade tanto do edificio, como dos terreos, que foron cedidos oficialmente polo Concello ao organismo provincial”, destaca o ente provincial nun comunicado.

Fernández Queipo explicou que nos pasados 15 días tentouse facer chegar a SUPLUSA, ata en 3 ocasións, varios requirimentos que non se puideron facer in situ porque tiñan as portas pechadas. Neste senso, o Vicepresidente destacou que “se SUPLUSA leva pechada unha semana, e sen facer outra cousa máis que sacarse fotos en residencias que non son súas, mellor será disolvela e cerrala para sempre”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here