Mantense a presión para que Cabañas prescinda do eucalipto

Os ecoloxistas consideran que o borrador de ordenanza municipal incumpre o compromiso de prohibir as plantacións de eucalipto

Bosque de eucalipto | Ekaternivor
Bosque de eucalipto | Ekaternivor

Foron os veciños de Cabañas Raras os que, cansos da plantación indiscriminada de eucalipto no termo municipal, impulsaron un escrito avalado por 272 sinaturas que derivou no compromiso do consistorio de frear estes cultivos. Procuraban deste xeito preservar a excepcional flora autóctona do concello berciano, exposta aos efectos adversos dun eido desregulado. Porén, a ordenanza municipal desenvolvida polo goberno local evita a prohibición expresa, polo que Bierzo Aire Limpio presentará alegacións ao borrador.

A causa ecoloxista hai anos que comezou a sensibilizar acerca do impacto deste eido produtivo. Perante a expansión da superficie de eucalipto na comarca do Bierzo, diversos colectivos a prol do medio ambiente celebraron xornadas informativas nos concellos de Arganza e Sancedo. Os expertos convocados advertiron da ameaza sobre a biodiversidade que representa o eucalipto, cualificado polo Comité Científico de Flora e Fauna Silvestres –dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica– coma especie invasora.

O ditame recolle estudos realizados en España e Portugal, que reflicten os efectos adversos do eucalipto sobre as cadeas tróficas de descompoñedores acuáticos cando as follas caen aos ríos, a alteración das condicións bioquímicas do solo e a perda de biodiversidade vexetal e animal, incrementando o risco de asentamento doutras especies invasoras. Esta árbore pirófita ten unha gran capacidade de colonización despois dos lumes forestais, que favorece pola acumulación de follas e a presenza de aceites inflamábeis.

Dende Bierzo Aire Limpio sinalan que o proxecto da nova central térmica de Cubillos aumentará a presión dos cultivos de eucalipto no medio berciano. Forestalia, promotora da planta de biomasa, anunciou que abastecerase da plantación de 69 hectáreas en Carrión de los Condes (Palencia), e hai inquedanza de que Cabañas, pola súa proximidade a Cubillos, poida servir a tal fin.

Goberno e CNMC dan o prace para o peche da central de Anllares

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here