InicioMovementos sociaisA mocidade do Bierzo "axita" o futuro dunha comarca da que non...

A mocidade do Bierzo “axita” o futuro dunha comarca da que non quere marchar

O apego á terra de varios estudantes que residían en Madrid plantou a semente da actual asociación El Filandón Berciano. Buscan crear oportunidades para non ter que migrar, tecer comunidade entre eles e non esquecer a tradición.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Do outro lado de Pedrafita, Dennis Álvarez responde a chamada do teléfono. “Si, son eu. Xa me comentaron os meus compañeiros do Filandón que iades chamar. Dixéronme que falara eu”, ri. Hai, no Bierzo, unha pequena revolución da mocidade: rapazas e rapaces que decidiron xuntarse para “mover” e “axitar” unha comarca na que queren quedar a vivir a pesar de todas as dificultades.

El Filandón Berciano é unha asociación que agrupa a xuventude do Bierzo en torno á idea de non deixar esmorecer a súa terra. A ollos da administración, o Filandón conformouse hai moi pouquiño tempo, pero a semente xa abrollara hai un ano cando varios bercianos que estudaban en Madrid se lanzaron a abrir un blog para escribir sobre o Bierzo dende a mirada da xente moza.

“QUE VAS FACER AQUÍ CO TÍTULO UNIVERSITARIO?”

“Somos a  mocedá berciana. Queremos vivir no noso fogar. Non queremos migrar e temos moitas ganas de aprender”. Preséntanse así nas redes sociais, onde celebran sempre o espírito de comunidade que foron creando arredor da asociación. Coma nun fiandón de toda a vida: reunión, alegría, tradición.

“Miña avoa dime: ‘pero que vas facer no pueblo co título universitario?’“, conta Dennis. “Hai esa tendencia a marchar fóra, pero temos que cambiar a perspectiva. Igual se quedamos aquí non temos o traballo soñado, pero temos outros tres ou catro traballos posibles”. A ausencia dun futuro laboral acorde aos estudos de cadaquén é unha das carencias que máis perciben ao seu redor. “Pero onde non hai algo, en vez de queixarse, podes facelo ti”, apunta.

MOVER O MUNDO

E, con esas, buscan armar unha oferta cultural diversa e completa, tecer unha rede de contactos profesionais, “aproveitar o que hai e potencialo”, axudárense uns aos outros, “animar a xente nova a organizarse, mover e axitar o mundo rural do Bierzo”.  Buscan facer da súa comarca un sitio atractivo de cara a asentar poboación.

Castro Ventosa en Valtuille de Arriba (O Bierzo) | Lucía Suárez – El Filandón Berciano

De momento xa promoveron un concerto en Valtuille, “un sitio pequeno no que nunca adoita haber nada”, e tratan de recuperar o Entroido tradicional do Bierzo. Ademais, este grupo de xente moza segue activa no seu blog e redes sociais, á parte de compartir coñecemento e oralidade a través das ondas de Radio Bierzo-Cadena Ser. Conversan, entre outras, sobre tradición e lingüística.

O GALEGO NO BIERZO

Dennis afonda un chisco nisto: “A xente maior do Bierzo occidental si que fala galego, pero a mocidade non o ten tan presente. Está bastante invisibilizado e, en xeral,  non hai unha conciencia lingüística. Case que é visto como algo raro que só falan os maiores, pero en realidade son palabras que nos conectan co que se fala en Galicia e mesmo en Portugal”.

Polo momento, El Filandón Berciano reúne un centenar de socios e case un milleiro de seguidores tanto no Instagram como no Facebook. Dende esas pequenas ventás ao mundo, expanden unha ollada moza sobre a súa terra que axiña se ha materializar en actividades e (outras) realidades.

ÚLTIMAS

Acepta 10 anos de prisión por dúas violacións, pero só cumprirá seis meses antes de ser expulsado do país

Un home de nacionalidade colombiana confesou este xoves na Audiencia Provincial de Lugo ser...

Detido en Lugo por apuñalar a outro home tras unha discusión na rúa

A Policía Local de Lugo detivo a un home por apuñalar cunha navalla a...

Toma posesión a nova presidenta da Audiencia Provincial de Lugo

A maxistrada Sandra María Piñeiro Vilas tomou este xoves posesión como presidenta da Audiencia...

A Policía detén dous homes por presunta violencia machista en dous días consecutivos

A Policía Local de Lugo detivo o domingo e o luns a dous homes...