InicioMedioambiente e PatrimonioComeza o procedemento para declarar BIC o Castro de Santa María de...

Comeza o procedemento para declarar BIC o Castro de Santa María de Cervantes

Patrimonio cataloga as minas da Viña da Moura e do Ribadón, a igrexa de Santa María do Castro, a casa reitoral e a Cea do Río

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Xunta de Galicia aceptou iniciar o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC), a petición dos colectivos locais, o Castro de Santa María de Cervantes. Asemade, inclúe os seus elementos integrantes como bens inmobles do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. Así o recolle o Diario Oficial de Galicia.

Os bens incluídos son os xacementos arqueolóxicos coñecidos como as minas romanas da Viña da Moura e do Ribadón; a igrexa de Santa María do Castro, a casa reitoral de Santa María do Castro e a Cea do Río.

A superficie que ocupa a zona arqueolóxica proposta é de 56.615 metros cadrados, e a do seu contorno de protección, é de 566.385 metros cadrados. Un conxunto que en termos cronolóxicos abrangue desde o século I d.C. ata a actualidade.

Non é a primeira vez que o castro de Santa María é proposto para acadar a categoría de Ben de Interese Cultural (BIC). A finais da década pasada, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural iniciou o procedemento correspondente, canda a outros dezaoito asentamentos. Mais aquel expediente quedou esquecido e agora son os colectivos da vila, nomeadamente Patrimonio dos Ancares e a ANPA do CPI Cervantes, os que lideran a reivindicación.

O xacemento

Castro de Santa María, en Cervantes | Colectivo Patrimonio dos Ancares
Castro de Santa María, en Cervantes | Colectivo Patrimonio dos Ancares

Ademais de valorizar o patrimonio histórico para evitar o despoboamento en Cervantes, hai interese por completar o estudo do castro de Santa María, o único parcialmente escavado dos 140 existentes na comarca dos Ancares.

Devandito asentamento está considerado un dos activos patrimoniais de meirande relevancia histórica, clave na formación da identidade do lugar. Sobre o castro de Santa María, situado á beira do Quindous, érguense a igrexa parroquial de orixe románica, o cemiterio baixomedieval –contabilízanse cincuenta e seis tumbas antropomorfas, moitas con restos óseos–, e a casa reitoral.

Diversas intervencións arqueolóxicas parciais (1995, 1996 e 1999) acharon, entre outros vestixios, vinte e seis construccións domésticas separadas por pequenas rúas, algunhas en lousa, canles e desaugadoiros, escadas e despensas de pedra. Varias vivendas constan dun piso principal e un faiado. Outros restos etnográficos commprenden muíños de man, moedas romanas, follas de coitelo, anacos cerámicos, machados e cravos.

Como explican dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares, o castro de Santa María foi habitado entre o ano 50 a. C. e o século II d. C., no período de transición do mundo prerromano ao romano. A importancia do xacemento reside en que forma parte da cunca do río Navia, rica en recursos auríferos, o que explica por que foi ocupado polos romanos. Nun radio inferior a un quilómetro hai varios sitios arqueolóxicos vencellados, entre outros sete explotacións mineiras e o asentamento de Castrillón.

A limpeza levada a cabo en 2009 reflicte o interese científico do asentamento castrexo, apenas explorado nun 25 por cento. O castro de Santa María pode achegar datos sobre a transición das culturas prerromanas e a historia da minaría. Por outra banda, atópase nun territorio virxe, a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, clasificado Zona de Especial Conservación, Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Zona de Protección do Oso Pardo.

A incoación para declarar este conxunto como Ben de Interese Cultural implica a aplicación dun réxime de protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación.

ÚLTIMAS

Polémica por 300 hectáreas de monte veciñal no paraíso hippie de Negueira de Muñiz

É posible atopar restos de neve nos costados da sinuosa estrada que descende desde...

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...