A Deputación inicia en Becerreá a residencia que Feijóo prometera en 2009

O goberno provincial asume a totalidade dos 4 millóns de euros en que está proxectada esta residencia da terceira idade de 136 prazas

O presidente provincial, Darío Campos Conde, xunto ao alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, e outros membros da corporación municipal, no inicio das obras da residencia de Becerreá | Deputación de Lugo
O presidente provincial, Darío Campos Conde, xunto ao alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, e outros membros da corporación municipal, no inicio das obras da residencia de Becerreá | Deputación de Lugo

A Deputación deu inicio ás obras da da residencia e centro de día de Becerreá, que asume na totalidade por algo máis de 4 millóns de euros. Malia que o actual presidente da Xunta de Galicia se comprometera publicamente a asumir esta dotación social, durante a campaña autonómica de 2009, finalmente será o organismo provincial o responsable do proxecto de principio a fin.

A residencia é unha demanda veciñal de hai décadas, mais o goberno galego desinteresouse do centro da terceira idade despois de recibir o proxecto redactado a conta da Deputación. Para o presidente provincial, Darío Campos, esta obra é ineludible no esforzo por evitar o despoboamento en Becerreá.

“Queremos ofrecer aos veciños no seu propio Concello a atención profesional que necesitan para que non teñan que abandonalo, así como dinamizar económica e socialmente a que é a cabeceira da Comarca dos Ancares”, expresou Campos. “Os veciños de Becerreá por fin ven como se materializa este proxecto, que reclaman dende hai 35 anos”.

Como apuntan dende o equipo de presidencia, os veciños reclaman esta dotación dende 1983, ano no que o Concello de Becerreá cedeu á Xunta de Galicia unha parcela de 1.200 metros cadrados para a súa construción. Este proxecto chegou á fase de adxudicación pero nunca se executou. Naquel espazo construíuse un centro de servizos sociais.

Situación e características

O centro de maiores sitúase no antigo Fogar Escola, na Rúa Ancares 83, un espazo que habilitou o Concello e onde a Deputación xa rematou coa demolición da infraestrutura existente. Ofrecerá 136 prazas aos maiores: 96 de residencia e 40 de centro de día.

Ocupará arredor de 4.400 metros cadrados, dos cales 3.900 serán de superficie útil. O andar principal será o espazo compartido polos usuarios do centro de día e da residencia. A edificación disporá tamén de patios axardinados centrais.

No semisoto 2 estarán as instalacións xerais de funcionamento, e no semisoto 1, as salas de terapia ocupacional, rehabilitación, consulta médica, curas, farmacia, enfermería, vestiarios dos traballadores, lavandería, almacén xeral e o cuarto de limpeza.

Na planta baixa estabelecerase o vestíbulo, despachos de administracións, reunións, arquivos, zona de coidadores e zonas de uso común: biblioteca, sala de audiovisuais, sala de estar, aseos asistidos, comedor, cafetería e cociña.

Entre o primeiro e o segundo andar haberá 20 habitacións dobres de 25 metros cadrados e 20 individuais de 19 metros cadrados. Na planta inmediatamente superior situaranse outras 18 habitacións dobres, unhas con baño propio e outras con baño compartido, de entre 20 e 25 metros cadrados.

Becerreá, un Concello avellentado

Cómpre subliñar que máis do 35 por cento dos veciños de Becerreá contan máis de 65 anos de idade. O 60 % supera o medio século. Segundo datos de xaneiro de 2018 do IGE, este Concello ten 2.800 habitantes; hai 10 anos, a poboación era de case 3.300 habitantes, o que supón unha perda do 15 por cento de habitantes na última década. 

O declive demográfico e o envellecemento poboacional que sofre este Concello, como a totalidade da Montaña lucense, supón que a construción deste centro para maiores sexa unha necesidade social e unha oportunidade económica e laboral para esta zona.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here