InicioEconomíaAs asociacións do Alto Navia agrúpanse para recuperar as terras abandonadas

As asociacións do Alto Navia agrúpanse para recuperar as terras abandonadas

O Grupo Operativo Resurgir Alto Navia promoverá a recuperación de 1.200 quilómetros cadrados en oito concellos galegos e asturianos

PUBLICADA O

- Advertisement -

A constitución do Grupo Operativo Resurgir Alto Navia permitirá a recuperación de terreos abandonados en oito concellos da conca fluvial. A iniciativa consiste na creación dun banco de terras que quedará a disposición dos produtores interesados en transformalas en solos de produción agroforestal. Participan asociacións de produtores, cooperativas, agrupacións culturais, empresas e entidades públicas.

A primeira fase do programa, auspiciado pola asociación europea para a innovación en materia de produtividade e sostibilidade agrícola, pasa pola identificación de solos abandonados nos municipios do Alto Navia. Abranguerá 1.200 quilómetros cadrados entre A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna, na provincia de Lugo; e Grandas de Salime, Ibias e Pola de Allande, en Asturias. 

Identificar as terras abandonadas implica catalogar os predios sen datos catastrais, ou que non corresponden pola realidade, ben porque non se coñecen os propietarios, ou non figuran no rexistro de propiedade. Neste último caso, o Grupo Operativo contactará coas persoas en propiedade dos terreos. De xeito paralelo, contribuirá á investigación cartográfica e de clasificación dos usos dos solos para o futuro banco de terras.

O proxecto conta con diversos colaboradores, entre os cales está a Deputación de Lugo, institución que albergou a presentación do Grupo Operativo Resurgir Alto Navia. O vicepresidente provincial, Argelio Fernández Queipo, explicou que o banco de terras “permitirá darlles un novo uso a solos e parcelas que son aptas para a agricultura, pero que están abandonadas e desaproveitadas para a produción agrícola ou forestal. E todo iso, mediante unha aplicación práctica e sostible”.

Orixe e entidades participantes

O Grupo Operativo Resurgir Alto Navia, financiado polo Plan Nacional de Desenvolvemento Rural, conta cunha subvención de 90.474 euros para construír un sector agroalimentario e forestal competitivo. A creación do banco de terras queda baixo a coordinación da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada, e conta coa Sociedade Cooperativa A Carqueixa, Galetec Gabinete Técnico Interterritorial SL, Asociación ADN, Desarrollo Rural Integral de Negueira de Muñiz, Asociación Cultural Amigos de Fonteta Os Reises del Valledor, Sociedad Cooperativa Caxigal e Selforga SL.

Entre os colaboradores figuran a devandita Deputación, canda a Asociación de Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñedo da Ribeira do Río Navia, a Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, así como o Concello da Fonsagrada e o Concello de Negueira de Muñiz. Estas entidades comparten o compromiso de facer fronte ao abandono e a despoboación dos solos, mediante a organización das terras e a identificación dos propietarios.

ÚLTIMAS

Candia esixe ao goberno de Lugo que actúe ante os conflitos que se orixinan nos locais do lecer da rúa Tui

O barrio da Milagrosa de Lugo rexistrou esta fin de semana un novo incidente...

Detido en Lugo un home que quedou cunha menor de idade a través dunha aplicación de citas

A Policía Nacional detivo en Lugo a un home que foi sorprendido o pasado día 3...

Identificados catro almerienses por presuntamente estafar 4.500 a un empresario lucense por Internet

A Garda Civil de Lugo identificou a catro veciños de Almería por supostamente estafar 4.500 euros...

Incendio nunha empresa de colchóns de Palas de Rei mobiliza un amplo operativo de emerxencias

Os servizos de emerxencias traballan na extinción dun incendio iniciado no exterior do recinto...