Os socialistas reármanse en Becerreá trala marcha de Martínez

A nova executiva tenta reagruparse nun concello estratéxico logo da marcha do alcalde Manuel Martínez e outros seis concelleiros socialistas ao grupo mixto

Nova executiva dos socialistas de Becerreá, composta polo secretario xeral, Carlos Pereira, a secretaria de organización, Ana Rubinos, e o secretario municipal, Hipólito Santín | PSdeG
Nova executiva dos socialistas de Becerreá, composta polo secretario xeral, Carlos Pereira, a secretaria de organización, Ana Rubinos, e o secretario municipal, Hipólito Santín | PSdeG

A situación é crítica para os socialistas de Becerreá, que conservan un asento dos oito que acadaran na corporación local nos comicios de 2015. Un histórico dirixente na provincia, o alcalde Manuel Martínez, deixou en maio as siglas do Partido Socialista para integrarse no grupo mixto canda a outros seis concelleiros. A sete meses das vindeiras municipais, a formación reagrúpase nomeando a nova dirección local.

A asamblea de militantes de Becerreá escolleu para a Executiva a Carlos Pereira, como secretario xeral; Ana Isabel Rubinos, nova secretaria de organización; e a Hipólito Santín, secretario municipal. A directiva municipal ten por diante a maiúscula tarefa de reconstruír as opcións electorais nun concello estratéxico, despois de perder á meirande parte dos integrantes do grupo e un sensible número de militantes.

Rubinos, a concelleira que desafiou o poder total de Martínez, continuará como voceira. A actual responsable de organización pediu un partido “forte e cohesionado”, que poida erguerse como alternativa contra o rexedor e aínda presidente da sociedade urbanística provincial Suplusa. Contra el dirixiu algún mensaxe a representante socialista, aínda que sen mencionalo. Así, convidou a centrarse en “desenvolver políticas sociais” no canto de “intereses persoais”.

A vinganza de Martínez

Manuel Martínez, rexedor de Becerreá e presidente de Suplusa, durante o pleno de xullo | Óscar Bernárdez
Manuel Martínez, rexedor de Becerreá e presidente de Suplusa, durante o pleno de xullo | Óscar Bernárdez

“Comezamos unha nova etapa chea de ilusión”, aseverou Rubinos, que marcou por obxectivo “un bo resultado nas próximas eleccións municipais”. Mais semella complicado acadar a aritmética que permita desbancar a Martínez, no cargo dende 2007, sobre todo tendo en conta a pobre perspectiva do Partido Popular, que apañou o 25 por cento dos votos, un resultado pésimo con respecto a 2011.

A saída de Martínez era inevitable, pois fora apartado da vicepresidencia da Deputación e a xestión territorial o 11 de abril, antes de que o Partido Socialista o suspendera de militancia cautelarmente. Estes movementos tiveron orixe nos reiterados enfrontamentos do alcalde de Becerreá co resto do grupo provincial, contra o que fixo oposición da man do Partido Popular.

Este posicionamento serviu para reprobar ao presidente da Deputación, Darío Campos, e reformar o funcionamento orgánico da autoridade provincial para outorgar máis poder ao pleno, e forzar a entrega da residencia de Castroverde. Martínez xa anunciou que se presentará á fronte dunha candidatura independente, na que tenta integrar a alcaldes do partido xudicial de Chantada e presentar lista en Lugo capital, coa aspiración de volver a estar en San Marcos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here