Xabier Moure, divulgador: “A alternativa ao despoboamento é o patrimonio”

O fundador do Colectivo Patrimonio dos Ancares fala de Galicia coma un "mosaico" no que "dás unha patada e sae un xacemento"

Torre de Doncos | Turismo de Galicia

Xabier Moure é historiador, investigador e divulgador. Hai máis de dúas décadas que embarcou nun proxecto que na actualidade plasma no Colectivo Patrimonio dos Ancares, unha asociación que cataloga o patrimonio material e inmaterial da comarca. Comezou, canda un grupo moi reducido, polas mámoas, os elementos máis antigos da zona salvando a Cova da Valdavara. Daquela, só unha estaba catalogada por Patrimonio. Agora levan máis de 80.

E así con todo. De non haber petroglifos documentados, a 15 grupos entre Cervantes, Baralla e Navia de Suarna. Castros había 7, incluídos dubidosos; xa son 140. Iso en canto ao patrimonio prehistórico e protohistórico. Entre igrexas e capelas, van 250. “Unha barbaridade!”, exclama Xabier. O patrimonio etnográfico é, directamente, incontable.

Unha das áreas nas que máis progresaron é na época romana, da que non había absolutamente nada. Agora quedan por estudar diversas aras e dous campamentos romanos –A Recacha, no límite entre Navia de Suarna, Asturias e León; e Cortiña dos Mouros, entre Cervantes e o concello de Balboa, no Bierzo–. “Son da zona pola que os romanos invadiron Galicia, son espectaculares en canto á ubicación, aínda que son temporais”.

Entre os achados recentes hai por suposto restos de vilas romanas, en Baralla e As Nogais. Tamén o que era unha mansión romana, que segundo aparece nos textos clásicos sería a de Timalinus, practicamente destruída pola construcción da estrada que comunica Baralla con Láncara, nos setenta. Mais quedan restos esparecidos pola zona. É non hai que esquecer a herdanza “impresionante” tamén no etnográfico: pallozas, chouriceiras, alvarizas, cortíns, muíños…

Técnicas de edición de imaxe e fotogrametría

As técnicas de investigación “variaron moitísimo para determinados elementos patrimoniais”, aínda que Moure advirte que a informática non pode con todo. Axuda sobre todo coa localización e a apreciación de campamentos, castros e mámoas, pois o procesado deixa ver as estruturas alén da maleza. “Así descubrimos dúas torres altomedievais no concello de Cervantes, no Piornedo e preto de Doiras”. “O mesmo coas mámoas, permite apreciar o túmulo e o cráter de violación. Recentemente descubrimos dúas nas Nogais, as primeiras alí catalogadas”. Cos petroglifos, por desgraza, é imposible.

Santa María do Castro | Patrimonio Galego

Leis e administracións

Parte dos esforzos do Colectivo están enfocados cara as administracións. Foi así coas alegacións ao Plan Básico, cando comunicaron preto de 300 elementos en catalogar só nos Ancares. A loita é constante, polos “escasísimos” medios con que contan as autoridades. “Aquí na provincia hai dous arqueólogos para todo Lugo, para todo tipo de patrimonio. Tamén temos que dicir que a maioría dos xacementos comunicados os están visitando e catalogando. Pero a Xunta coido que leva dende o ano 93 sen convocar oposicións de arqueólogo“.

“Só na provincia levo contabilizados 1300 castros, e en Galicia preto de 5000. E faltan por catalogar unha enorme cantidade, o mesmo que coas mámoas, que das 10.000 que levo faltan a metade; e petroglifos, outro tanto. Faltan medios humanos“, denuncia o divulgador. Tampouco está satisfeito cos contidos da nova Lei de Patrimonio de Galicia de 2016, que non foi aprobada por unanimidade e recibiu duas mil alegacións, a inmensa maioría desbotadas.

Do mesmo xeito que a Lei de Patrimonio Histórico Español de 1985, a lexislación galega dá competencias aos concellos. Porén, moitos non fan por conservar os bens culturais. “Collen e pasan, a desfeita é contínua. Temos presentadas varias denuncias por desfeitas en bens catalogados e seguimos agardando a que se resolvan a maior parte. A Lei non se está a aplicar“.

Claro que, por outra banda, hainos que si se involucran. Moure fala da importancia dos certames. El foi o sábado a recoller un premio a Friol, e Javier Gómez Vila recolleu outro ese mesmo día en Xermade. “Sabemos, cando facemos unha descuberta, que para moitos concellos somos un trastorno. Molestamos aos veciños. Hai que estar enriba e concienciar á xente”.

Cultura contra o despoboamento

Xabier fala e incide na educación e a valorización destes bens históricos. “Mesmo no ensino, no que o coñecemento do patrimonio galego a nivel ESO ou Bacherelato é escasísimo. Aquí damos unha patada no chan e sae un xacemento”. “A conservación do patrimonio, arqueolóxico ou natural, non acabará cos problemas de despoboación ou de deslocalización económica, da gandería ou a agricultura. Non é un elixir, pero pode axudar”.

“Dende 2015 temos unha proposta para recoñecer unha variante do Camiño de Santiago, baseada nun documento do 1495 dun monxe alemán. É unha variante que pasa por sitios máis doados, que pasaba por As Nogais, Becerreá e O Corgo ata Lugo”. A implicación da xente, subliña, é fundamental para que estes proxectos cristalicen. “Estámola a ver noutras rutas o Cebreiro, Triacastela, Sarria…non serían nada hoxe sen o Camiño”.

Como exemplos desta filosofía indica o Camiño Primitivo, na Fonsagrada, e o do Norte, ao seu paso por Friol. Cita a creación de albergues como un xeito de facer que chegue riqueza e a xente fique no lugar. “Para a cultura e para o idioma é importantísimo, as comarcas están morrendo. A comarca dos Ancares perdeu o 25 por cento da poboación dende 2004. Falas cos vellos e dinche que dentro de 15 anos non haberá ninguén. Aquí non se instalarán industrias, hai que buscar alternativas, no patrimonial e no natural“.

Capela do Piornedo | Patrimonio de Galicia

“Galicia é un mosaico”, comenta. “Aquí temos unha das entradas a Galicia. Iso estase a desaproveitar, hai moito que ofrecer”. Menciona ás cooperativas que traballan a terra con produtos autóctonos, como A Carqueixa. “Hai que buscar saída dende aquí, e non ao revés. Patrimonio arqueolóxico, relixioso, etnográfico… e natural!”. Os Ancares, por outra banda, limitan co Bierzo, rexión que Moure salienta polo esforzo das administracións por concienciar e aportar en orzamentos.

Zonas como Balboa están a mudar rapidamente, poñendo en valor rutas; mercaron o castelo e contan cunha subvención de 300.000 euros para poñelo en valor. No cuartel da Cortiña dos Moros, a parte deles xa ten cartos para actuacións e excavacións, mentres que na parte de aquí só plantaron piñeiros e arrasaron o que quedaba”. “Aquí temos Os Oscos, no lado da Fonsagrada, e son o día e a noite”.

E case todo o deben ás administracións, que son as que concienciaron á xente, sostén. “Aquí aparece unha mámoa e é unha complicación para os veciños. Cando explicamos en Cervantes o valor das mámoas, foron eles quenes as limparon, traballos que agora finalizarán co apoio da Deputación, e tamén uns petroglifos”. “Antes había un xacemento e trataban de agochalo, agora cho veñen dicir”.

“Comezamos cun grupiño de nada”

Quenes colaboran co Colectivo aproveitan as horas libres e os recursos propios. Son eles, e non os concellos, quenes normalmente fan as guías con rutas (un cento delas) para acadar o patrimonio dos Ancares. E coa financiación da Deputación van editar, por exemplo, a historia de Cervantes, e teñen máis de 1.500 lendas por contar. Aliás, acordaron non solicitar subvencións para non estar supeditados aos requerimentos das administracións.

Son xente na comarca, dos seis concellos, e tamén na Fonsagrada, ou do Corgo –zonas onde catalogaron eles os primeiros petroglifos–. Son 25 persoas de distintas orixes, “mestres, funcionarios, forestais, labregos… toda a xente que pode achegar. Levamos percorridos miles de kilómetros”. Con eles colaboran institutos de Becerreá e Navia de Suarna, cun profesorado moi involucrado que transmite aos rapaces o valor do patrimonio. Mais non é abondo. “O que pedimos é que as administracións se involucren de verdade, que pensaran no futuro da comarca, na despoboación. Precisamos o seu pulo”.

3 COMENTARIOS

  1. […] A Xornada da Vendima consitirá dun mercado de produtos da zona, que comezará arredor das 10.30 horas do sábado. Sobre as 11.00 horas comezará a actuación da agrupación folclórica Antaruxas e Sorteiros, con música e baile, e ao remate do espectáculo comezará a visita ao conxunto patrimonial. Dela participarán diferentes expertos, entre eles o director de Cepas y Vinos, José Domínguez Varela, o enólogo Luís Padín, ou o historiador Xabier Moure. […]

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here