InicioSociedadeAs "deficientes" condicións laborais dos veterinarios de Tragsa poñen en xogo a...

As “deficientes” condicións laborais dos veterinarios de Tragsa poñen en xogo a súa seguridade

O falecemento dun veterinario nas Nogais aviva o debate sobre a situación deste colectivo. A CIG acusa a Xunta de manter situacións "intolerables" en dita empresa pública e a CSIF presentará unha denuncia para que se prohiba que estes profesionais realicen tarefas de saneamento de un en un.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A morte dun veterinario nas Nogais tras ser golpeado por unha vaca intensifica o debate sobre as “deficientes condicións de seguridade e saúde” deste colectivo profesional: os traballadores da empresa pública Tragsa, dependente da Xunta.

Sindicatos como a CIG (Confederación Intersindical Galega) ou a CSIF (Central Sindical Independente e de Funcionarios) reaccionaron así ao falecemento dun veterinario nunha casa de Chan de Vilar (Nullán, As Nogais), onde foi golpeado polo corno dunha vaca cando a estaba atendendo. O home, de 43 anos, realizaba tarefas de saneamento dentro da empresa Tragsa.

Así pois, a CIG denunciou as “condicións laborais e a presión que exerce” dita empresa, mentres que a CSIF considera que o suceso “volveu pór de manifesto as inhumanas condicións nas que traballa este gremio da empresa pública”. Falan de “xornadas maratonianas” ou dos “lotes semanais de número de reses a sanear imposibles de sacar adiante en condicións seguras”.

ANTES TRABALLABAN DÚAS PERSOAS XUNTAS

Poñen especialmente o foco nunha cuestión que cren básica: este tipo de labores eran realizadas en parella hai un tempo, pero agora isto cambio para “aforrar custos” e os veterinarios vense na obriga de desenvolver estes traballos de maneira individual.

A CSIF achaca esta práctica á busca dunha “maior rendibilidade” na empresa e afean que iso supoña pór vidas en perigo. “Mándanos sós no canto de ir cun equipo de traballo no que o teu compañeiro é como o teu salvavidas: ti protéxelo a el e el protéxete a ti”. Ademais, sinalan, os veterinarios víronse obrigados baixo as condicións actuais a “ir sanear unha vaca cada tres minutos”, un ritmo que non facilita a seguridade.

Neste sentido, o sindicato pide que o suceso ocorrido este xoves supoña “un antes e un despois”. Se a vítima fose acompañado, sería “máis difícil” que pasara o que pasou, aseguran. Tentarán apurar ese punto de inflexión coa presentación dunha denuncia ante Inspección de Traballo para que prohiba que os veterinarios vaian sós na campaña de saneamento nas que teñen que facer a proba da tuberculina ás vacas.

Pola súa parte, a CIG considera que “estas son as consecuencias criminais de forzar unhas condicións laborais extremas nun ámbito cunha exposición tan elevada aos riscos laborais”. Ademais, cren que a Xunta “é plena coñecedora” deste tipo de situacións, que tacharon de “intolerables”.

ESTADO DE ALARMA

Por outra banda, a CSIF sinalou que durante o estado de alarma tampouco se cumpriron coas medidas de seguridade necesarias.  Segundo eles, a empresa non facilitou máscaras FFP2 regulamentarias aos veterinarios para exercer un traballo que resultou fundamental durante a pandemia.

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

O BNG reclama melloras da N6 no seu paso pola provincia de Lugo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha serie de iniciativas parlamentarias...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de...