O drama dos Ancares: o abandono do patrimonio etnográfico

Manuel Rodríguez, veciño de Cervantes, leva quince anos divulgando os tesouros etnolóxicos dos Ancares, e aspira a mudar a comarca en Parque Nacional ou Natural

Palloza en Cervantes | Miguel Núñez
Palloza en Cervantes | Miguel Núñez

Manuel Rodríguez Blasco, Antonio Álvarez e a Asociación Castaño y Nogal

A comarca dos Ancares integra a serra do mesmo nome, que se estende dende o pico Miravales, na triple fronteira entre Galicia, León e Asturias, ata o porto do Portelo, nas inmediacións dos Montes do Cebreiro. Este espazo natural comprende os Ancares lucenses e os Ancares leoneses. No ámbito ten refuxio preto do 93 por cento da flora de Galicia, proba obxectiva do interese ambiental.

A zona fora declarada no seu día Reserva da Biosfera, Reserva Nacional de Caza, Rede Natura 2000 da Unión Europea, Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) ou Lugar de Interese Comunitario; mais o certo é que ningunha destas declaracións administrativas aporta protección real e efectiva ao patrimonio cultural, natural, flora e fauna ancaresa, ao non incluír plans de actuación sobre o territorio nin aportar fondos, co efecto negativo de percibilas a poboación local como negativas, ao ter a sensación de vivir baixo restriccións proteccionistas sen alcance nin efecto.

Os Ancares é un espazo xeográfico de montaña único en Europa, que irmanda parte dos últimos bosques primixenios da cordilleira cantábrica, con algún dos patrimonios etnográficos máis importantes do continente. Isto débese a unha ortografía senlleira, que propiciou a conservación deses bosques e dos usos milenarios de habitantes, que quedaron conxelados no tempo, mentres desaparecían en moitos outros lugares de Europa, feito pouco coñecido e divulgado.

Pallozas de Piornedo | Turismo de Galicia
Pallozas de Piornedo | Turismo de Galicia

Entre os elementos máis importantes de carácter etnográfico e cultural dos Ancares, achamos construccións de teito vexetal, de arquitectura redonda; algunhas datan da Idade de Bronce, polo que falamos dun legado de máis de dous mil anos. As pallozas son a súa máxima expresión: vivenda redonda, de teitume vexetal, onde habitaban persoas e animais, que compartían estancia e calor, sen compartimentos de saída para o fume, que se filtraba entre as varas de centeo do teito.

Vencellado a isto atopamos adheridos, tanto nas vellas pallozas coma nas casas máis modernas, os hórreos, de colmazo vexetal. Trátase dun celeiro aéreo, de herdo celta, de planta cadrada ou de tipo asturiano, a catro augas. Ademais da arquitectura vexetal, observamos outra de corte tradicional, un pouco menos arcaica, como é a arquitectura da lousa, da que se conservan bastantes exemplos.

Desgraciadamente, todas as administracións, a Xunta de Galicia –máximo responsable do patrimonio galego– o Estado español e a Unión Europea, fixeron ouvidos xordos ás peticións de rescate do patrimonio único ancarés. Hogano estímase que quedan apenas un cento de pallozas do lado galego da serra, das que tan só unha ducia atópase nun estado medianamente aceptable. O resto, ou ben atópanse baixo protexcores metálicos coma a uralita ou o fibrocemento, ou ben perderon total ou parcialmente a teitura vexetal, en estado de ruína total ou parcial, o que resulta incomprensible en pleno século XXI e nun dos estados da Unión Europea, por falta dun plan de rehabilitación e conservación.

Entre os restos da propiedade de Cervantes está un rexio pombal de planta circular | Patrimonio dos Ancares
Restos en Cervantes dun rexio pombal de planta circular | Patrimonio dos Ancares

No caso dos hórreos, apenas poderían contabilizarse entre cincuenta e cen hórreos con teito de palla, pouquísimos tendo en conta que hai apenas cincuenta anos a totalidade das casas contaban cun destes celeiros aéreos para a súa subsistencia. Canda a iso, cómpre engadir a perda de centos de vivendas de lousa tradicional, debido á enorme despoboación da comarca, máis dun 73 por cento no último século.

O caso ancarés é un extremadamente grave para a realidade etnográfica en Europa, pois algúns dos seus conxuntos son dos máis numerosos do continente. O Piornedo, Vilarello de Donís, Pando, Robledo, Moreira, Deva, Degrada… son algúns dos exemplos máis importantes e que contan cuns poucos anos de esperanza para evitar esta enorme perda, da que todos somos herdeiros e propietarios. Os Ancares urxen a que as administracións fagan algo xa, é unha loita contrarreloxo.

Non é abondo dotar a devandita comarca histórica de títulos chamativos e merecidos –Reserva da Biosfera, Rede Natura 2000 da Unión Europea, Lugar de Interese Comunitario, etcétera–, senón que hai que aplicar as medidas axeitadas, actuando con eficacia e responsabilidade, para frear o lapidario deterioro de dito patrimonio. Menos distincións, e máis accións e subvencións.

Pallozas en A Pedriña, parte do patrimonio en forma de itinerarios que propón o Instituto de Estudos do Territorio | As Nogais
Pallozas en A Pedriña, parte do patrimonio en forma de itinerarios que propón o Instituto de Estudos do Territorio | As Nogais

Suxiro que o mellor xeito de sensibilizar aos responsábeis políticos comprometidos coa tarefa é que deixen de pisar a moqueta dos despachos, e acodan ao escenario natural dos Ancares, a sentir a suavidade do céspede verde e centenario, a respirar aire puro, non contaminado pola toxicidade burocrática, a escoitar o rumor do vento e recollerse nas sombras das árbores. É posible que unhas horas de acougo e soidade en tan solemne e cautivador escenario estimulasen a súa sensibilidade e xenerosidade durmidas.

Non só as persoas son titulares de dereitos, como proclama a doutrina oficial, tamén o son os territorios cando reúnen determinadas características sociais e culturais, e cando constitúen un espazo histórico e patrimonial acreditado. No caso dos Ancares, é obriga das administracións públicas o conservar e preservar dito ancestral patrimonio.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here