As demandas que quedaron esquecidas nos orzamentos da Xunta

Os socialistas recollen nos encontros comarcais reivindicacións de Lugo, Meira e a Terra Chá, algunhas postergadas alén da década

De dereita a esquerda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o candidato do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Ramón Carballo, e o delegado autonómico José Manuel Balseiro | Óscar Bernárdez
De dereita a esquerda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o candidato do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Ramón Carballo, e o delegado autonómico José Manuel Balseiro | Óscar Bernárdez

Os Orzamentos da Xunta para 2019 incrementan o gasto en 365 millóns de euros, suba con incidencia no benestar, a innovación ou o medio rural. Cada lucense percibirá de media catro mil euros, investimento por habitante líder entre as catro provincias. Con todo, demandas históricas de Lugo, Meira e a Terra Chá seguen ignoradas nas contas públicas galegas, ou contan con partidas insuficientes para seren realizadas.

Así se deduce dos encontros comarcais do Partido Socialista. O secretario xeral da formación en Lugo, Álvaro Santos, censurara con anterioridade a actitude da Xunta de presumir de investimentos que, en realidade, son devolucións pendentes. Acontece así co equipamento do Auditorio, do HULA e outros catro centros de titularidade autonómica. “Perdoamos ata 3,6 millóns de euros, e faltan outros 1,5 millóns. Nin devolven o que é noso”.

A finais de outubro, os socialistas examinaran a proposta de orzamentos do executivo que preside Alberto Núñez Feijóo, facendo balance do investido na década que os conservadores levan no poder. Detectaron o abandono dos programas estratéxicos –Plan Paradai, Intermodal, Ronda Leste, desdobramento do corredor de Nadela a Sarria–, recortes en equipamentos e retrasos naquelas iniciativas que seguiron adiante. As comarcas da Fonsagrada, Os Ancares ou Chantada quedaron sen novos investimentos.

Terra Chá

A demora agrávase nos servizos e equipamentos locais. Na Chaira hai resignación e fastío a partes iguais. A responsable de organización dos socialistas na provincia, Mar Iglesias, explica que “só pedimos que cumpran coas súas competencias legais e que cando menos melloren as dotacións públicas que son da súa responsabilidade”.

As demandas na Terra Chá pasan por elementos básicos de saneamento, infraestruturas e asistencia social. Para Vilalba, solicitan un novo centro de día, un ascensor na Casa da Xuventude, ou a depuradora prometida en 2009. En Guitiriz, limpar o encoro de San Xoán. En Xermade agardan polo arranxo do vial de Momán a Cabreiros, conexión con douscentos mil usuarios para a que a Xunta comprometera 8,5 millóns de euros en 2010. Muras ten pendente a mellora do acceso principal ao pobo na LU-540.

Na Pastoriza, a veciñanza pide fondos para arranxar a estrada que leva a Riotorto e un centro de día, aspiración que desapareceu logo de ter a redacción do proxecto e os terreos comprados. En Meira, consideran urxente rehabilitar o Punto de Atención Continuada que empregan once mil usuarios da contorna. O acondicionamento da estrada de Mosteiro a Río Xoán leva anos dilatado en Pol.

Lugo

Na capital provincial, os socialistas dan conta da necesidade de reactivar os plans de infraestruturas pendentes, incrementar a exigua partida para a Estación Intermodal, redactar o proxecto técnico do Museo da Romanización, e recursos para avanzar na construción do novo colexio do Sagrado Corazón. Así mesmo, esixen orzamentos plurianuais para executar o complexo da Residencia completamente.

En Outeiro, persiste a demanda dun centro de día, que a Xunta nega por existir unha institución privada, ademais da piscina municipal. No Corgo, pesa o desexo de afianzar e incrementar os roteiros históricos, xunto coa dotación dun edificio multiusos e unha residencia da terceira idade nun Concello onde máis dun terzo dos habitantes pasan a idade de xubilación.

Importantes son as reclamacións en Portomarín, onde o centro de saúde atópase nun estado deplorable, e solucionar o deterioro que inutiliza as instalacións deportivas do colexio Virxe da Luz, centro moi afectado polos recortes do goberno autonómico. En Guntín, queda por abrir o Punto de Atención á Infancia, que leva anos construído, e crear un centro de día para unha vila na que catro de cada dez veciños superan os 65 anos, e deben acudir a outros concellos.

A xuntanza de Friol revelou varias débedas de calado. O Concello carece de residencia e centro de día, malia estar preparados os terreos municipais; o PAI carece de espazo abondo para a demanda que soporta; o colexio público precisa melloras; e a estrada que conecta con Palas segue sen o arranxo integral prometido en repetidas veces.

Enmendas

O grupo parlamentario socialista propón á Xunta a mobilización de 140 millóns de euros adicionais para infraestruturas, entre outras propostas, o que podería resolver gran parte dos problemas de conectividade da provincia de Lugo. O gasto incrementado previsto, un total de 400 millóns nos orzamentos de 2019, iría con recurso ao déficit máximo e acompañado de novas figuras impositivas. 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here