InicioCulturaO patrimonio cultural da Montaña lucense favorece a retención do galego

O patrimonio cultural da Montaña lucense favorece a retención do galego

Un estudo da Real Academia Galega salienta o perfil bilingüe dos Ancares e da Fonsagrada, zonas de intercambio onde a transmisión xeracional do galego coma lingua predominante segue en máximos

PUBLICADA O

- Advertisement -

Que as condicións do leste de Lugo son únicas en Galicia é sabido. Que isto representa unha oportunidade para a continuidade no galego na poboación, tamén. Mais un estudo da Real Academia Galega, coas firmas de Henrique Monteagudo, Xaquín Loredo e Martín Vázquez, recolle datos ben interesantes sobre a situación do galego nas grandes comarcas do país. 

A Montaña lucense é unha das seis áreas comarcais –do total de vinte grandes áreas– predominantemente galegofalantes, o que quere dicir que os que empregan só o galego, ou o galego en meirande parte, representan máis do 80 por cento da poboación. A particularidade desta zona é que, asemade, conta cun elevado número de bilingües, por enriba do 60 por cento. É, xunto co Morrazo, a única rexión galega con rexistros tan altos, aínda que existe unha diferenza notábel entre ambas: na Montaña predomina o galego e a perda de falantes é mínima en comparación.

Este bilingüismo se expande nun contexto de intercambio social, económico e cultural coas terras leonesas. Con todo, a investigación advirte do impacto das dinámicas demográficas da Fonsagrada e dos Ancares no número de falantes.

Porcentaxe de galegofalantes por comarcas | Lingua e sociedade en Galicia. A evolución sociolingüística 1992-2013

Segundo apunta o estudo, a zona oriental de Lugo salienta pola orografía montañosa, o entorno rural e a veciñanza con León. Trátase dun área de gran extensión e pouca poboación, arredor do 1,5 por cento do total de galegos. O interesante é que constitúe a porta de entrada do Camiño de Santiago, o que «pode estar influíndo en que zonas predominantemente galegofalantes fagan un uso bilingüe», un factor vencellado tamén a quenes realizan «parte da vida cotiá fóra dos límites territoriais de Galicia».

Esta situación excepcional, aliás, outorga un valor especial ao galego. A área que comprende A Fonsagrada e mailos Ancares «estase a transformar en destino turístico de montaña», o que explica que o patrimonio cultural galego mude «nun valor que favorece a retención do galego a través dos usos bilingües». Deste xeito, o índice de transmisión interxeracional do galego está en máximos, condición que comparte coa Pontevedra nororiental, A Mariña, Ourense central e sur.

Índice de transmisión do galego por comarcas | Lingua e sociedade en Galicia. A evolución sociolingüística 1992-2013

Outra vantaxe da Montaña é que está relativamente lonxe das urbes. O perfil máis afectado pola perda de galegofalantes monolingües dende comezos de século foi o periurbano, coma aconteceu cos pequenos núcleos próximos a Lugo capital. En toda a provincia, a porcentaxe de desgaleguizados é inferior ao 4 por cento. A particular evolución do idioma na Montaña convida a profundizar e espallar o modelo de valorización cultural das serras orientais, mais cómpre lembrar que a taxa de natalidade e outros datos socioeconómicos farán inevitable –en ausencia de medidas de choque– a perda de galegofalantes.

Monteagudo, H., Loredo, X., e Vázquez, M. (2018). Lingua e sociedade en Galicia. Resumo de resultados 1992-2016. A Coruña: Real Academia Galega. [https://academia.gal/documents/10157/704901/Lingua+e+sociedade+1992-2016]
Loredo Gutiérrez, X., e Monteagudo Romero, H. (2017). La transmisión intergeneracional del gallego. Comparación con el catalán. Treballs de Sociolingüística Catalana, 27, 99–116. [http://doi.org/10.2436/20.2504.01.127]

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...