Lembrando o xardín do labirinto de Laura Dennet no Cebreiro

Helena Gonzalez de Bisagras de Papel fala neste artigo dun lugar máxico, do Camiño de Santiago, ubicado no Cebreiro. É unha deses lugares, que paga a pena visitar.

Gústavos a foto que ilustra este post? Son eu, este outono. Estaba no xardín da casa da escritora canadense Laura Dennet, moi pretiño de Pedrafita do Cebreiro, no Camiño de Santiago, a súa entrada por Galiza.

Este xardín está integrado na rede mundial Quiet Garden Movement , que busca a creación de espazos naturais abertos ó silencio, á oración e ó descanso. En resume, lugares para estar en ti. Un dos elementos máis característicos deste xardín é o seu labirinto, reproducción exacta doutro na catedral francesa de Chantres. Velaí estaban once círculos concéntricos para una muller nacida un once! Bonita casualidade!

Hai uns meses, Laura Dennet converteuse nunha das protagonistas da Exposición Las Estrellas del Camino. A súa imaxe inmortalizada polo muralista Mon Devane  recibe ós peregrinos e peregrinas, que entran en Santiago.

 

Pero volvamos ó labirinto!! Cando vexo a foto na que estou no centro, venme á mente un taller de Lego Serious Play que organicei a finais do 2020. Nel invitaba ás participantes a elixir tres momentos do ano. Se eu tivese que facer o mesmo, ese día no xardín do labirinto sería un dos elixidos. Chamaríase, o meu momento Plum Village.

Así que pecho os ollos e lembro… Estou sentada no banquiño mirando cara ás montañas. Sinto a caricia do sol no meu rosto. e o recendo da lavanda que vai e que ven, empurrado polo ar. Nas miñas tripas, hai un algo de “resfeber”, ese remuíño de emocións, que precede a unha viaxe.

Estou agora no inicio do labirinto. Preparada, lista e xa! Camiño lentamente, acompañada pola ollada curiosa dun veciño, dende a cancela. Sinto o chan mol como unha alfombra baixo os meus pés e cóxegas nos meus nocellos, polo rozamento cos arbustos. Continúo ata ó centro. Desando o camiño. No meu peito, sinto ondas de gratitude hacia esa muller estranxeira, que elixiu este lugar do planeta para deseñar o seu xardín.

Se ledes o texto con atención, descubriredes que a miña memoria é selectiva. As palabras que emprego falan maiormente de sensacións. Ese é o verdadeiro armazón das miñas lembranzas. Tamén hai imaxes e sons, pero son os menos.

E vós, con que material construídes as vosas lembranzas? Sodes máis de imaxes, sons ou de sensacións?

[ Do blog Bisagras de Papel ]

 

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here