A Xunta expedienta a Naturgy pola interrupción do subministro eléctrico en zonas de Lugo

Nalgúns lugares, como Baleira, encadearon máis de tres días sen luz.

Traballadores despregados por Naturgy para reparar as incidencias na rede eléctrica que deixa o temporal e a neve en Galicia. | Naturgy

EFE | A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia informou da apertura dun expediente informativo á empresa Naturgy pola interrupción da subministración eléctrica en varias zonas da provincia de Lugo como consecuencia da borrasca Dora, que deixou “intensas nevadas” o 4 e 5 de decembro.

A Xunta de Galicia informa de que “en todo momento seguiu de preto a situación” e, por iso, decidiu abrir no día de hoxe “un expediente informativo” para que a distribuidora Naturgy achegue no prazo de cinco días hábiles información sobre o “tempo de interrupción do servizo e o número de afectados”. Sábese que en lugares como Baleira encadearon máis de tres días sen luz.

Tamén sobre o “tempo media de reposición do servizo e o número de efectivos empregado” para reparar as avarías. Ademais, a Consellería esíxelle que presente os datos “desagregados por concellos”.

“O obxectivo é determinar o adecuado cumprimento por parte da compañía titular das redes de distribución da súa obrigación de mantelas en adecuadas condicións de conservación e idoneidade técnica”, precisa a Xunta.

Tamén avisa de que “se se determina que houbo incumprimento desta obrigación e que se puxo en risco a garantía de subministración ou se xerou perigo ou dano grave para as persoas, os bens ou o medio ambiente, será incoado o correspondente expediente sancionador”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here