InicioMedioambiente e PatrimonioO misterio da magna construcción oculta en Cervantes

O misterio da magna construcción oculta en Cervantes

Membros de Patrimonio dos Ancares achan nun monte do Mosteiro vestixios de muros e edificios dunha enorme propiedade

PUBLICADA O

- Advertisement -

Entre a densa vexetación dun monte de Lama de Rei, parroquia do Mosteiro, topou Severino Orozco cun muro do que non tiña referencia. Avisou do achado aos compañeiros do Colectivo Patrimonio dos Ancares, a quenes remitiu imaxes dun impresionante pombeiro de planta circular agochado entre o arboredo por riba do regueiro de Ricabo, tributario do río Cervantes.

Días despois, procederon a peitear polo miúdo o lugar, de pronunciada pendente e cheo de maleza. Aquel muro resultou ser unha muralla de máis dun metro de ancho, e con alturas de ata tres metros. De traballada factura, e remates elaborados nos ángulos, foi en tempos aínda máis alta. Dentro do perímetro apareceron outras estruturas de feitura semellante, contencións e socalcos fronte á inclinación do outeiro.

Tal e como apreciaron os membros de Patrimonio dos Ancares, parte do perímetro da enorme propiedade desaparecera por mor doutras construccións e a modificación dos camiños. Amais do rexio pombeiro, conservado en bo estado salvo pola perda do teito de lousa, no recinto deuse conta dunha canle que, dende a parte máis alta, percorre centos de metros para levar auga ao sitio.

Restos dos muros | Patrimonio dos Ancares

As xentes desta parroquia de Cervantes aínda lembran algúns detalles sobre o sitio, coñecido como A Viña. Dende o Colectivo, que encabeza o historiador e divulgador Xabier Moure, tiñan claro que a magna construcción tivo que ser obra dunha familia ou unha institución poderosa. Hai constancia de que os bancais albergaban vides centenarias, mais non de que alí se recollera uva.

Neste senso, a hipótese é que as viñas foron abandonados na segunda metade do século XIX por mor da peste do oidium, que entrara no Vello Continente provinte de América do Norte. A praga acabou coa producción e afectou tanto á cantidade como á calidade do viño.

No interior da propiedade hai varias liñas de socalcos | Patrimonio dos Ancares

Conta a tradición cervantega que en Lama de Rei mandouse construír un fastoso pazo. A residencia fora encargada por Álvaro de Mendoza Caamaño y Sotomayor, cardeal das Indias entre 1734 e 1761 e natural do Pando. Porén, ou non chegou a erixirse ou non se atoparon restos deste palacio de lenda, aínda que a escasa distancia está o lugar do Pacio.

En Patrimonio dos Ancares teñen a teoría de que, en realidade, as estruturas achadas en Cervantes pertencen ao mosteiro do val da Cancelada. A uns 400 metros de A Viña está a igrexa parroquial de San Xoán do Mosteiro, pertencente á freguesía documentada dende o século VII, na divisón de Wamba. É citada así mesmo no Liber Itacii e na Crónica Naxerense

Interior do enorme pombeiro atopado en Cervantes | Patrimonio dos Ancares

Pois ben, no 915 o rei Ordoño II outorgou a escritura de doazón do territorio a favor da igrexa de León, o que provocou un longo litixio –do século XI ao XIII– entre a diocese castelá e a de Lugo. A igrexa actual, que foi obxecto de varias modificacións, conserva inscricións que reflicten parte das reformas: no lintel da porta principal aparece a data 1830, e na porta lateral marca 1688. Así as cousas, a memoria local asegura que no emprazamento do templo houbo outro anterior.

Foi o papa Aleixandre III quen deu licenza ao bispo Xoán de Lugo para un mosteiro, posto baixo o padroado de San Salvador de Cancelada. O prace papal indica a construcción dunha igrexa e un mosteiro no devandito val da Cancelada, en terreos cedidos polo rei Fernando, para facer doazón aos monxes da Orde do Císter. Nun documento datado no 1066, o presbítero Pelagius Iuliani rexistra a doazón da vila de Dumia ao mosteiro: “Concedimus ibidem villam nostram que habemus hic in Dumia”.

A maleza e a pendente son obstáculos para a exploración do lugar de A Viña | Patrimonio dos Ancares

De chegarse a construír o mosteiro, a data de fundación situaríase entre os anos 1152 e 1181, anos en que o bispo Xoán estivo á fronte da diocese de Lugo. O prelado fora outrora abade do mosteiro de Samos. Coidan no Colectivo que quizais a obra sofreu retrasos. Citando a información de Tito Fernández de Témez, no 1380 o bispado lucense afora a don Pedro Álvarez o Val da Cancelada, baixo a obriga de erguer un mosteiro. Este cenobio aínda existiría no século XVIII tal e como aparece na monumental España Sagrada dos párrocos Flórez e Risco.

Malia toda esta documentación, a orixe da propiedade segue a ser unha mera suposición. Dende Patrimonio dos Ancares esperan que, co tempo, poida realizarse a limpeza da área e atopar así outros restos. Entre os vestixios estaría, se a liña de investigación foi acertada, o mosteiro de San Salvador de Cancelada.

ÚLTIMAS

Nova oficina do SEPE en Lugo, pola que pasarán 27.000 veciños ao ano

A antiga Escola de Enfermaría de Lugo acolle a nova oficina do SEPE na...

Conmemoran a batalla do Porto de Bois e reivindican “Altri non”

Coincidindo coa xornada de conmemoración da batalla de Porto de Bois, xuntouse un grupo...

Lugo rexistra un terremoto de magnitude 3.6 que se fixo notar

Un terremoto de magnitude 3,7 na escala de Richter con epicentro en Sarria foi...

Un policía local de Lugo fóra de servizo practica un RCP e sálvalle a vida

Un policía local de Lugo que se atopaba fóra de servizo practicou unha manobra de...